Ana Pontón pide unha mobilización masiva para que o 12X haxa un goberno liderado polo BNG que defenda un Lugo no que vivir e traballar
“Se foxe presidenta da Xunta o Executivo do Estado tería sobre a mesa unha proposta para salvar o emprego e a produción en ALCOA-San Cribrao”, salientou
Rodil: “temos un programa de goberno capaz de colocar esta provincia no lugar que lle corresponde con actividade económica, emprego e servizos”
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o acto coa militancia en Outeiro de Rei para salientar que o cambio galego é posible se hai unha mobilización masiva nas urnas de todas as persoas que queren deixar atrás “a Galiza en branco e negro de Feixóo” para abrir un tempo novo da man dun Goberno liderado polo BNG, “capaz de defender a provincia de Lugo para que sexa un lugar con futuro, no que vivir e traballar”.
“Estou máis ilusionada que nunca coas posibilidades que ten o Bloque de obter un gran resultado o 12X e poder cambiar o rumbo do país e poder escribir unha páxina na historia, facendo que por primeira vez Galiza teña unha muller e unha nacionalista presidenta”. Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG.
Pontón colocou a situación de ALCOA como exemplo de até que punto Lugo precisa un goberno “que faga valer ao país” en contraposición a un Executivo de Feixóo no que o candidato do PP “está en modo escapista, instalado na inacción, no lamento e en tirar balóns fora” mentres están en xogo miles de empregos e unha actividade produtiva que significa o 30% do PIB da provincia. Por contra, a líder nacionalista deixou claro que o BNG si ten alternativas.
“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política”, subliñou, tras destacar que o BNG é unha forza “á alza, que cada día desperta máis ilusión e na que cada vez máis persoas confían para abrir un tempo novo”. “Imos dar a sorpresa” o 12X e Galiza poderá escribir unha nova páxina na historia “un goberno liderado por unha presidenta nacionalista cun proxecto de futuro para a nosa nación”,concluíu.
Pola súa parte, a cabeza de lista pola provincial, Olalla Rodil, puxo en valor o programa de goberno co que se presenta o BNG para facer de Lugo un lugar mellor no que vivir e traballar, con benestar social. “Hai que reverter a senda da despoboación, da emigración, das 45.000 vivendas baleiras, do abandono do rural, da falta de servizos públicos en moitos lugares da provincia, dunhas infraestruturas do século pasado”, explicou, “porque queremos unha Galiza que á mesma velocidade no interior e na costa”. Formulou propostas concretas en tres eixos: emprego e sectores produtivos, servizos públicos e infraestruturas.
Rural, sector estratéxico
No plano económico e de creación de emprego: considerar o medio rural como un sector estratéxico desde o punto de vista económico, social e de preservación do territorio, favorecer unha relación comercial que permita rendas xustas para os produtores con contratos homologados fixando prezos mínimos. Igualmente, un rural do século XX que aposte pola I+D+i e pola transformación dos produtos agrogandeiros para xerar valor engadido e máis renda.
Tamén apoio ao comercio local, afondar no potencial turístico e reforzar o sector vitivinícola, serán tamén cuestións fundamentais para reactivar a economía da provincia.
Reverter recortes no social
No plano dos servizos sociais, o compromiso é reverter os recortes tanto na atención primaria, como na hospitalaria e reforzar os hospitais comarcais “porque a atención sanitaria ten que estar o máis cerca posible das persoas”. Por último, activar a provincia pasa tamén por darlle unhas comunicacións do século XXI e acabar co “escándalo” do desmantelamento do servizo ferroviario ou que Lugo sexa a única cidade sen conexión por tren coa capital do país.
“Urxe dotar a esta provincia dun servizo de tren moderno con prezos e horarios competitivos e o transporte por tren é tan importante para a vertebración territorial que temos previsto poñer en marcha o GALTREN: un organismo público para a xestión do transporte ferroviario do país como xa teñen outros territorios”, concluíu Rodil, quen aproveitou o acto en Outeiro de Rei coa militancia para poñer en valor “o seu traballo, entrega e dedicación”, ao longo e ancho da provincia.