Ana Pontón: “A partir do 25S a xestión do Álvaro Cunqueiro será pública; é o noso compromiso”
- Nun encontro coa Xunta de persoal e membros da Plataforma en defensa da Sanidade pública, a candidata do BNG afirmou que o Partido popular puxo en risco o dereito á saúde con recortes e privatizacións. Pontón avanzou que é necesaria “unha auditoría” sobre o proceso construtivo do Álvaro Cunqueiro e responsabilizar das carencias á concesionaria
Tras o encontro con representantes da Xunta de persoal do hospital Álvaro Cunqueiro e membros da Plataforma S.O.S Sanidade pública, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón manifestou ante os medios de comunicacións que as privatizacións da sanidade resultaron ser “un grande fracaso” , empeoran as condicións de vida das persoas e deterioran o acceso ao sistema público ademais de “resultar máis caras” ao construír infraestruturas pola vía privada.
Ante os medios de comunicación,a candidata nacionalista avogou por abrir un “tempo novo” para a Sanidade pública despois do 25 de setembro e anunciou o compromiso político do BNG para que “toda a xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro sexa integramente pública”. Ademais avanzou que é necesario realizar unha “auditoría de todo o proceso construtivo” e que sexa a concesionaria a responsable das carencias así como, deseñar unha planificación estratéxica de toda a área sanitaria de Vigo recuperando os hospitais en desuso e completar as especialidades.
Ana Pontón lembrou que a área sanitaria de Vigo, a pesar de ser unha das zonas máis poboadas de Galiza, padece un maior grado de “privatizacións”. Dende o BNG, recalcou, defendemos un novo financiamento para Galiza con capacidade para recadar todos os impostos e utilizalos para mellorar a sanidade pública e un plan de choque fronte as listas de espera, contratar a 3.000 profesionais recortados durante estes últimos sete anos e contar con máis recursos. Neste sentido lembrou que só coa xestión do imposto de sociedades contaríamos con mil millóns de euros para contratar máis persoal sanitario, rematar cos repagamentos de medicamentos na sanidade pública. Nese novo marco que defende o BNG, dixo hai que “blindar a sanidade pública como un servizo público e poñer en marcha unha lexislación que prohiba as privatizacións da sanidade.