Ana Pontón: “A partir do 10N o BNG vai condicionar a política do Estado a favor de Galiza”
Cunha crise industrial de norte a sur, que se ceba especialmente na comarca da Coruña, -ALCOA, ENDESA, Ferroatlántica, entre outras-, Pontón subliñou que o BNG vai usar a forza que obteña nas urnas “para condicionar o seu apoio á investidura a que haxa unha solución de futuro para ALCOA e para o conxunto das empresas electrointensivas do país”, e poñer fin o disparate de ter miles de postos de traballo en xogo polos custes enerxéticos nun país que produce electricidade a esgalla.
“Esta situación de crise é responsabilidade directa dun PP e dun PSOE que crearon un marco eléctrico que aboca ao peche a moitas desas empresas”, denunciou, ao igual que atribuíu ao ninguneo das forzas estatais que non haxa unha transición enerxética xusta para compaxinar a necesaria descarbonización con darlle futuro á planta de ENDESA nas Pontes.
A líder nacionalista destacou a urxencia de que Galiza recupere peso político no Estado, “porque nos xogamos o futuro”, e só é posible “apostando pola única forza que non recibe ordes de Madrid, que non pide permiso para defender os intereses dos e das galega, a única forza coas mans libres para facer valer Galiza ante o Goberno do Estado”.
Pontón recriminou o desprezo e o agravio das forzas estatais e dos 23 deputados e deputadas electas “que non abriron a boca ante ningunha das discriminacións, nin para condicionar o seu apoio a defensa dunha axenda de país”. “Nada se pode esperar do bipartismo PP-PSOE, nin tampouco dun Podemos que nos demostrou o rápido que se apuntou á discriminación con este país cando pactou co Goberno de Sánchez os peores orzamentos para Galiza en vinte anos”, argumentou.
A “inutilidade” das forzas estatais alcanza tamén a súa incapacidade para dar un xiro social, e aí seguen intactas as contrarreformas laborais, a Lei mordaza ou a LOMCE, denunciou. Igualmente, fixo referencia ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica, asegurando que os deputados e deputadas do BNG no Congreso tamén usarán esa representación para recuperar os bens espoliados polo Franquismo, para que desde o Estado se tomen a devolución do Pazo de Meirás, da Casa Cornide ou das esculturas do Isaac e Abraham co mesmo empeño que a exhumación do Val dos Caídos.
Na súa intervención, o candidato pola Coruña, Néstor Rego defendeu que a presenza do BNG no Congreso significará demandar "máis peso político e soberanía para mellorar as condicións de vida do pobo galego", e referiuse a que o déficit de soberanía é precisamente o que está detrás de moitos dos problemas actuais: “o desmantelamento industrial e a crise dun sector que tiña que ser estratéxico explícase, en boa medida, por esa falta de poder político que fai que o sector enerxético dependa exclusivamente do Estado".
Por iso, subliñou o candidato, "reclamamos plena capacidade de actuación no sector da enerxía, é dicir, esiximos un sistema enerxético público galego que posibilite que as nosas industrias sexan competitivas". Rego volveu defender unha tarifa eléctrica galega “para resolver o elevado custo enerxético das grandes empresas mais tamén das medianas e pequenas, das persoas autónomas nas súas actividades e tamén dos particulares que verían reducidos os custos de luz. Sería un exercicio de xustiza”.
Pazo de Meirás e Casa de Cornide
No acto público en Sada, o candidato defendeu a recuperación do Pazo de Meirás como ben público e anunciou que esixirá ao goberno central que active todos os mecanismos para que a familia do ditador deixe de ocupar unha propiedade “que chegou as súas mans por un espolio promovido polas elites económicas e políticas que apoiaban o réxime".
Neste sentido, denunciou tamén a "impunidade da familia Franco como se pode comprobar na absolución do neto do ditador pese a terse dado a fuga tras conducir en sentido contrario e encañonar á garda civil ao tempo que se están aplicando sentenzas brutais como a dos mozos de Altsasu ou a representantes políticos e sociais cataláns". Defendeu así que "a presión social e política continuará até a devolución dos bens espoliados pola familia do ditador e nin a persecución ás persoas que protagonizaron o acto simbólico na Casa Cornide, -que serán xulgadas en breve-, nin a que sofren os dezano