Ana Pontón : “O Partido popular está levando o CGAC á deriva"

Marisa Sobrino

A deputada denunciou a falta de modelo para o Centro Galego de Arte Contemporánea e acusou aos seus responsábeis políticos de conducilo a “irrelevancia máis absoluta” no ámbito cultural

 A parlamentaria do BNG, Ana Pontón presentou hoxe ante os medios de comunicación unha Proposición non de lei na que pide anular o proceso de selección do director/a do CGAC e convocar un novo concurso público baseado na lexislación vixente.

A deputada criticou que o novo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez non iniciara ningún cambio a “unha política errática” que afonda na crise desta institución cultural polo que reclamou convocar un novo concurso suxeito á lexislación vixente para a selección do director/a do CGAC.

O PP carece de modelo para o Centro Galego de Arte Contemporánea

Pontón sinalou que existe un problema de fondo porque o Partido popular considera que a política cultural redúcese a “seguir dilapidando fondos na Cidade da Cultura”, proxecto, que ao seu entender, “non ten impacto positivo no panorama cultural galego” e os anos, dan a razón a todos e todas as que dixemos que era “un cascarón baleiro e unha hipoteca para a política cultural en Galiza”.

Sobre o proceso de selección do novo director do CGAC afirmou que evidencia unha xestión cultural “sen rigor e opaca” que redunda no desprestixio internacional do propio CGAC. Ao longo dos meses, explicou, a convocatoria provocou numerosas críticas mesmo das persoas relacionadas co proceso de selección sinalando que “non é unha convocatoria limpa e está feita a medida dun nome”.

Ademais, afirmou que existen mostras de irregularidades no proceso de selección e resulta moi “rechamante”que no momento da súa resolución, “inventen unha proba nova que non aparecía nas bases”.

Dimite Marisa Sobrino tras unha década no Patronado do CGAC

Ante esta situación anómala, á membro do Padroado do CGAC, Marisa Sobrino fixo pública a súa dimisión, por considerar que a institución sufre a “minusvaloración” por parte da Xunta e unha forte inxerencia que provoca que os axentes culturais atopen graves problemas na xestión neste ámbito ao que sumou “unha xestión partidista do proceso de elección do novo director”. A deputada lembrou que Marisa Sobrino foi durante unha década, membro do Patronato.

A parlamentaria reclamou enderezar o rumbo do CGAC e un primeiro paso debe ser reiniciar o concurso para elixir director/a a través dunha convocatorio “limpa e transparente” para resintonizar a institución cos creador@s galegos e a súa proxección internacional.

Por outra parte tamén se referiu ao descenso de visitantes que segundo datos da propia Xunta foron 62.713 no ano 2014, cifra inferior a do ano 2013, 68.623 , datos, dixo, requiren unha comparecencia no Parlamento de Galiza para explicar o descenso.