Ana Pontón: “Pagamos 470 M€ máis no Álvaro Cunqueiro pero hoxe Vigo non ten o servizo de radioterapia que precisa”
O BNG pide a comparecencia de todos os conselleiros e conselleiras de Sanidade en relación ao sobrecusto millonario dun hospital que ten 700 camas menos
Rueda, Feijóo, a irmá e o cuñado do ex presidente e a parella de Ayuso, incluídos no plan de traballo que o BNG leva á comisión de investigación
O PP repartiu miles de millóns de € a dedo entre empresas amigas, quince anos de chanchullos do PP a costa dos impostos dos galego e galegas
A portavoz nacional, Ana Pontón, focalizou parta da súa intervención no Consello Nacional na comisión de investigación impulsada pola formación nacionalista no Parlamento sobre os contratos públicos do Goberno do PP, toda vez que este luns finaliza o prazo de presentación do plan de traballo.
Neste sentido, fixo especial fincapé no sobrecusto de 470 millóns de euros da “construción privatizada” do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, “pagado cos cartos dos galegos e das galegas”, pese ao “as e os doentes de cancro de Vigo teñen que ser desviados a Ourense ou á sanidade privada que aumenta o seu negocio porque na pública non hai o servizo de radioterapia que necesitan”.
Pontón criticou deste xeito a nefasta xestión dun PP que pagou máis por un hospital que ten menos superficie e 700 camas menos das previstas para regalarlle 470 millóns ás grandes construtoras. Un “escándalo”, recalcou, que afecta á saúde das persoas porque “con ese diñeiro a área sanitaria de Vigo podería ter o servizo de radioterapia necesario para atender a todas as persoas que necesitan ese tratamento nun momento de tanta dor e tanto sufrimento”.
Dirimir as responsabilidades arredor da construción do Álvaro Cunqueiro será un tema central para o BNG na comisión de investigación, subliñou a portavoz nacional, quen avanzou que no plan de traballo que vai presentar a formación nacionalista este luns, solicitará as comparecencias de todos os ex conselleiros e ex conselleiras de Sanidade que tiveron responsabilidade nesta “fraude á sociedade galega”.
Deste xeito, entre os comparecentes solicitados polo Bloque figuran Pilar Farjas, Rocío Mosquera e Vázquez Almuíña, así como todos os xerentes da área sanitaria de Vigo, entre os que se atopa o tamén exconselleiro, Julio García Comesaña.
No relativo á documentación, o BNG solicitará o expediente de licitación e concesión da construción do hospital, así como os modificados do proxecto inicial; o informe que xustifique por que non se reduciu o custo do Álvaro Cunqueiro pese a reducir a dimensión do hospital, e unha copia de todas as comunicacións entre a concesionaria e o Executivo galego.
A portavoz nacional tamén se referiu aos contratos do Goberno do PP con Eulen, empresa que en Galiza dirixe a irmá de Feijóo e que recibiu 4,9 millóns de euros a través de 1.311 contratos a dedo.
“Queremos investigar os contratos a dedo ás empresas amigas e de familiares do Partido Popular, incluída a empresa que dirixe a irmán do señor Feijóo e os contratos a dedo durante a pandemia, como o que recibiu a empresa na que é directivo o cuñado de Feijóo por 15 millóns de euros, ou o contrato polo que a parella sentimental de Díaz Ayuso obtivo unha comisión de dous millóns de euros”, afondou, para cualificar a continuación estas contratacións de “pelotazos a costa da pandemia”.
Por iso, o BNG solicitará as comparecencias de Núñez Feijóo, a súa irmá e o seu cuñado, a parella da presidenta da Comunidade de Madrid e o propio Rueda, salpicado tamén polo caso do irmán da súa número dous, a secretaria xeral da Presidencia, que recibiu 783.000 euros en contratos a dedo por realizar trámites que podía facer a propia administración cos seus funcionarios e funcionarias. “E sabemos que isto é só a punta do iceberg”, advertiu.
A preguntas dos medios pola reacción de Díaz Ayuso á solicitude de comparecencia da súa parella, a líder nacionalista indicou que cando alguén durante a pandemia “aproveita esa situación para especular coa compra de mascarillas e se leva unha comisión de dous millóns de euros que saen dos petos de todos os galegos e galegas, hai que dar explicacións”. “Se non ten nada que esconder, non terá ningún problema en comparecer no Parlamento de Galiza", afirmou.
Pontón remarcou como obxectivo da comisión impulsada polo Bloque “poñer luz onde o PP quere escuridade” para investigar “quince anos de chanchullos” nos que “empresas vinculadas a altos cargos do Partido Popular se está beneficiando descaradamente de contratos públicos dados a dedo de maneira opaca”. Neste sentido, advertiu que, en pouco máis dunha lexislatura, concretamente no período 2018-2023, o Goberno do PP repartiu 4.000 millóns de euros, recursos que, recordou, “saen dos impostos de todas e todos os galegos”.
Canon eólico
A líder nacionalista referiuse tamén na súa intervención ao proxecto orzamentario de 2025, no que o PP vai usar a Lei de Acompañamento “de forma espúrrea” para modificar “pola porta de atrás” 50 leis e decretos, entre os que subliñou os cambios que “afondan no espolio eólico” e favorecen aínda máis “a barra libre ás eléctricas”.
Neste sentido, advertiu da modificación de nada menos que dezaseis artigos da Lei do sector eólico coa que, subliñou, “gana o lobby eléctrico e perde a maioría social e o medio ambiente”, recortando e acelerando trámites e introducindo a creación de zonas de “aceleración eólica” que, na práctica, supón considerar a case todo o territorio galego como potencialmente explotable para a produción de enerxía eólica e intentar sortear o labor da xustiza que, lembrou, lle está reclamando ao Executivo do PP “que cumpra a lei”.
“Rueda coloca o territorio de Galiza a disposición dunha presa de multinacionais para que fagan negocio, poñéndolle a alfombra vermella en contra dos intereses da maioría social”, denunciou para criticar a continuación que, casualmente, ningún dos cambios incorporados pola parte traseira na Lei de Acompañamento afecta ao canon eólico.
Unha taxa que se cobra por muíños e non por potencia instalada como reclama o BNG, o que implica que o proceso de repotenciación no que están inmersas as eléctricas para colocar menos muíños pero máis altos suporá perdas millonarias no canon eólico.
De feito, a día de hoxe, hai seis empresas que pediron a repotenciación dos seus parques eólicos que, coa normativa en vigor, pasarían de pagar 1,6 millóns de euros a pagar 125.000 euros. “Por iso o PP non ten présa en mudar o canon eólico e por iso o BNG vai propoñer a súa modificación urxente”, resumiu.
Derrogar o decreto da vergoña
Duns orzamentos 2025 “antisociais, que benefician aos máis ricos e que fomentan a especulación coa vivenda, baixándolle impostos ás construtoras, fondos voitre e grandes fortunas que decidan comprar ou construír pisos para alugar ao prezo que lles pete”, Pontón tamén puxo o foco no “recortazo” nas partidas destinadas ao galego, tras “15 anos de políticas lingüicidas do Partido Popular” e “pese ao demoledor informe do IGE que sinala a situación límite” no que se atopa a lingua.
A líder nacionalista advertiu dos nefastos resultados desta política de bullying e acoso e derribo ao idioma propio, cunha xeración educada integramente co “decreto da vergoña" que é “a menos galego fala da historia”, con apenas un 7% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos que falan sempre en galego, a metade que hai tan só seis anos.
“O proclamado plurilingüismo de Rueda é un timo: nin máis galego, nin máis inglés, o único que está avanzando é o monolingüísmo en castelán”, denunciou para pedir que non se “perda un minuto máis” e urxir un cambio de rumbo que permita reverter a crítica situación do idioma con medidas concretas como as que propón o BNG.
A comezar pola derrogación do decreto da vergoña, “que fai que os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego, saian falando castelán”, subliñou Pontón, quen tamén sintetizou o resto de propostas do Bloque: cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística, froito do consenso político, pactando un cronograma de aplicación nesta lexislatura e consignando os fondos necesarios para a seu desenvolvemento; triplicar os fondos de apoio á lingua nos orzamentos de 2025; e garantir que os medios públicos cumpran o seu papel normalizador, cunha ampla oferta para o público infantil e xuvenil.
Unha CRTVG que precisamente é utilizada por Rueda para ocultar a súa falta de proxecto de País e “que goberna para as empresas amigas do PP e para o lobby eléctrico”, denunciou Pontón, quen trasladou todo o apoio e solidariedade do BNG ás traballadoras e traballadores da compañía que están en folga indefinida.
Defender Galiza
Fronte a un Rueda e un PP cuxo goberno é “un auténtico cabalo de Troia do centralismo e dos grandes lobbies económicos”, a líder nacionalista reivindicou ao BNG como organización “unida, sólida e cohesionada”, centrada no importante, “na defensa de Galiza” e nos problemas que preocupan á cidadanía, como a sanidade, a vivenda, a atención ás persoas maiores, a precariedade no emprego ou como ter un modelo de financiamento que lle permita ao País ter “a chave dos seus cartos para mellorar a vida das persoas”.
Nesta liña, afirmou que esta defensa dos intereses galegos é máis necesaria que nunca ante un Goberno do PP entregado aos seus intereses partidistas. “Hoxe, a sede da Xunta non está en San Caetano, está na rúa Génova de Madrid” afirmou para sinalar a un Rueda “que se limita a facer o que lle mandan dende Madrid”, sen ningún proxecto de país.
“Somos a esperanza de todas as persoas que queren construír un país mellor, a esperanza fronte a un Rueda e un PP instalados na soberbia, que confunden a maioría absoluta co absolutismo, e que queren importar a crispación e os modos madrileños”, afondou para concluír que o BNG non vai caer nesa trampa. “Nós imos seguir traballando con rigor, con seriedade e con ideas e propostas na defensa deste País e da súa xente”, concluíu.