Ana Pontón: “O pacto de Sánchez e Iglesias demostra que Galiza é mera espectadora na política estatal”
A portavoz nacionalista tamén fixo balance do pacto orzamentario entre PSOE e Unidos-Podemos no que recoñece aspectos positivos, -como o incremento do SMI-, pero sen apenas avances na recuperación de dereitos roubados, “e aí segue a denominada Lei Mordaza e as contrarreformas laborais de PP e PSOE”, criticou.
“E, sobre todo, nada se inclúe da axenda galega de temas clave para Galiza en relación a infraestruturas estratéxicas, -como portos, aeroportos, autoestradas, modernización do ferrocarril, transferencia da AP9-, á devolución do Pazo de Meirás ou á saída de ENCE da Ría”, indica Pontón.
Nada tampouco, pese as reformas fiscais, de aplicar o IVE superreducido do 4% á electricidade, que mantén o 21% pese ao prezo disparado da factura eléctrica. “A luz é un ben de primeira necesidade, pero ten o IVE dun ferrari”, criticou a dirixente do Bloque, que tamén foi moi crítica cun acordo que inclúe unha reforma electoral para suprimir o voto rogado. “De ser así, volveremos ver como de novo votan os mortos e cacicadas co voto da emigración que deberían estar superadas para sempre”, alegou.
Pontón responsabilizou aos deputados e deputadas electas por Galiza de que o país siga “de mero espectador” no debate estatal pola súa incapacidade para facer valer os intereses dos e das galegas. “Están máis preocupados por ser simpáticos a Sánchez, Iglesias ou Casado, máis interesados en ver que lugar ocuparán nas listas que en defender os intereses da cidadanía á que en teoría representan”, denunciou.