Ana Pontón: “En Ourense disputámoslle un escano ao PP que lograremos concentrando no BNG o voto da dignidade”
Nin discurso do medo, nin mal menor, apela á ilusión e ao orgullo para conseguir un grupo galego forte que defenda Galiza en Madrid, proclama
Presas chama a facer historia en Ourense cunha deputada que non vai calar ni agachar a cabeza ante a discriminación do Estado coa provincia
“Hai unha mensaxe que me gustaría dicir con claridade: en Ourense o BNG está disputándolle un escano ao Partido Popular, estamos en disposición de ganarlle un escano ao PP collendo a papeleta que encabeza Noa Presas. Témolo ao alcance da man”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, no mitin na cidade das Burgas.
Ganarlle ese escano ao PP é posible, subliñou, e así o indican as enquisas pero tamén se palpa no ambiente, nas redes sociais e a pé de rúa. Para conseguilo, Pontón apelou a concentrar no BNG “todo o voto rebelde, inconformista e de país, todo o voto da dignidade con Ourense”.
Neste sentido, apelou a todas as persoas que votaron BNG nas eleccións galegas e agora nas municipais para que repitan ese apoio: “Que este domingo volvan coller a papeleta do Bloque sabendo que lle estamos disputando un escano ao PP e que podemos facer historia con Noa Presas como a deputada coas mans libres para defender Ourense en Madrid”.
“Máis BNG en Ourense é menos PP, máis BNG en Ourense é dignidade, é orgullo, e futuro, fagámolo posible con Noa Presas”, proclamou.
Pontón tamén fixo referencia a un tema capital na provincia: as pensións, tendo en conta que os e as pensionistas ourensás teñen as prestacións por xubilación máis baixas do Estado, indicou, tras lembrar a actuación do agora candidato Feijóo durante os seus mandatos como presidente da Xunta.
“En trece anos de goberno non aumentou nin un céntimo de euro as pensións non contributivas, as máis baixas de todas, nin un céntimo de euro subiu o tramo autonómico desas pensións, cando podería facelo porque é competencia da Xunta de Galiza. Aquí coñecemos moi ben como goberna Feijóo por moito que en Madrid se sorprendan agora das súas mentiras, ironizou.
A portavoz nacional tamén fixo un chamamento a todos os galegos e as galegas para que voten desde ilusión a favor de Galiza. “Non é o momento de votar con medo nin polo mal menor, é o momento de votar con ilusión, con forza, con ganas de coller a papeleta do BNG porque nesa papeleta está a vida dos galegos e das galegas, a papeleta que lle da poder a Galiza para facerse valer en Madrid, para a defensa de investimentos xustos, para a defensa dunha transición enerxética xusta, para poñer fin ao centralismo e para a defensa do futuro deste País”, recalcou.
A portavoz nacional destacou que en Galiza, a alternativa real ao PP é o BNG, ao que lle disputa escanos nas catro provincias. “Cada escano máis do BNG é un menos para o PP; canto máis BNG, menos PP”, asegurou, para incidir no moito que se xoga Galiza nesta cita electoral. “Xógase ter unha voz potente que defensa os nosos intereses alí onde se toman as decisións que nos afecten directamente, xógase deixar atrás o agravio dunhas forzas estatais que din unha cousa aquí e fan a contraria en Madrid. Por iso, este 23 de xullo é o momento do BNG, é o momento de Galiza”, destacou.
Neste sentido, explicou que moitas veces escoita eloxiar o papel que xogan vascos e cataláns no Congreso, condicionando a política do Estado para mellorar a vida dos seus pobos. “Non é que sexan máis hábiles, nin que teñan mellor estratexia negociadora, o que si teñen son forzas nacionalistas con grupos fortes e usan esa forza para facerse valer. É o que quere facer o BNG, non para conseguir privilexios senón para conseguir un trato xusto con Galiza e para acabar coa discriminación do bipartidismo de sempre”, alegou, subliñando que se “un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes, imaxinade o que podemos lograr con un grupo galego forte!”, concluíu.
Para que Ourense conte!
A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, convidou tamén á mobilización cidadá fronte aos que buscan que estes sexan os comicios da resignación. “No BNG dicimos alto e claro que nin resignación, nin medo, nin mal menor: estas van ser as eleccións de Galiza, e si, Ourense tamén vai estar”, sostivo.
Presas marcou as diferenzas co bipartidismo centralista, ao que acusou de ter sumido no abandono o interior de Galiza. Logo de repasar algúns dos incumprimentos de PP e PSOE coa provincia, -retrasos en infraestruturas estratéxicas, saneamento dos ríos ou a mellora das pensións-, destacou que unha deputada do BNG “nunca vai calar a boca, nin agachar a cabeza ante a discriminación que sofre Ourense”.
A candidata animou á cidadanía de Ourense a “facer a historia” e concentrar no Bloque o voto de País, o voto antifascista e o voto feminista para quitarlle ao PP o escano que lle disputa na provincia. “Na historia hai cousas que se repiten e hai outras que marcan a diferenza e que o cambian todo, nas galegas dixemos que lle iamos quitar o último ao PP e fixémolo e este 23 de xullo imos facelo de novo, imos romper todas as enquisas e imos quitarlle o último escano ao PP”, apuntou, para concluír o seu discurso cunha mensaxe clara: “Fagamos que Ourense conte!”