Ana Pontón: “Os orzamentos sinalan o fin de ciclo do PP e Feixóo, inútiles á hora de mellorar os servizos públicos”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o proxecto de orzamentos presentado hoxe polo goberno no Parlamento galego constata “o fin de ciclo do PP e de Feixóo á fronte da Xunta”, así como a súa incapacidade para poñer “solucións aos problemas estruturais de Galiza e ás dificultades que cada día ten que sortear a maioría dos galegos e galegas”. As contas para o 2020 non ofrecen alternativas contra o deterioro dos servizos públicos e unha crise industrial con 6.000 postos de traballo na picota”.
A nacionalista recalcou que nos últimos anos os galegos e galegas comprobaron como non se recuperaron os salarios nin o seu poder adquisitivo mentres medran as desigualdades. A hora de enfrontar a crise económica, afirmou Pontón, “estes orzamentos son inútiles” e tamén “inútiles” para mellorar a vida das persoas e recuperar os servizos públicos.
Pontón criticou a “propaganda e autobombo” do Partido popular cando en realidade dixo, “non existe unha estratexia para paliar a crise industrial e crear emprego de calidade”. Ademais, engadiu, estamos ante un ciclo de desaceleración da economía. Por outra parte, tampouco atopamos nestas contas “alternativas á grave crise do sistema sanitario público”, na Atención Primaria, nin contra o recorte acumulado de máis de “2.000 millóns de euros nos últimos anos”.
Para a nacionalista, os orzamentos “son unha oportunidade perdida para Galiza” e o goberno da Xunta continúa na senda de políticas erradas que non quere “rectificar”.
Rebaixas fiscais inútiles ante o problema da vivenda
Pontón tamén criticou “as medidas estrela” dos orzamentos que en realidade, “son unha rebaixa fiscal para o 1% da poboación” porque van destinadas, explicou, ás herdanzas superiores ao millón de euros e a redución do 40% para todas aquelas persoas que poden mercar unha segunda vivenda, cando o problema que teñen a maioría dos galegos e galegas, sobre todo da xente nova, é que “non teñen acceso a primeira vivenda, xa non mercala, senón mesmo poder alugala”.
Con estas contas, o PP non lle di aos galegos e galegas en que vai recortar despois de aplicar as rebaixas fiscais ás rendas máis altas. A única política económica que nos presenta o goberno é a “do turismo” fiada ano Xacobeo no 2021 pero carente de estratexia para encarar os retos dos tempos que vivimos. Unha vez máis, recalcou Pontón, os orzamentos son “unha oportunidade perdida”.