Ana Pontón: “Os orzamentos 2020 son as contas dun goberno fracasado, retrato dun PP instalado na mentira”
“Canto costan as mentiras?”. A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancaba a súa argumentación da emenda de totalidade aos orzamentos coa mesma pregunta que se formulaba o científico Valeri Legasov na serie que narra a explosión de Chernobyl.
“Non digo que estas contas sexan unha explosión nuclear”, ironizou, “pero si un reflexo da estratexia da mentira e da propaganda que Feixóo leva practicando desde a súa chegada á Xunta”. Tapar os problemas con mentiras acaba tendo un custe que Pontón resumiu cunha conclusión: “deixa unha Galiza peor ca que encontrou fai dez anos”.
Para a líder nacionalista, os orzamentos de 2020 “son o retrato dun goberno fracasado, sen ideas e sen proxecto de futuro”, ao que se suma o feito de que as políticas do Executivo popular “son como as malas herbas que impiden que Galiza floreza”, e carecen de iniciativa para afrontar os grandes retos: crise industrial, impulso ao I+D+i, recuperación dos servizos públicos, crise demográfica, emerxencia climática, desigualdade ou o deterioro da lingua e da cultura.
Por iso, fronte ás mentiras, Pontón empeñouse en desmontar o que definiu como unhas “contas-conto” porque nin son sociais, nin facilitan a creación de emprego, nin teñen medidas para enfrontar a crise económica, nin vai ser a lexislatura do rural, nin apoia aos sectores produtivos, nin atende as necesidades do sistema educativo nin corta a escalada da precariedade laboral.
“Hai menos emprego que fai dez anos, un nivel de ocupación moi baixo, cunha precariedade crecente de tal xeito que hoxe existe o traballador e traballadora pobre, as rendas do traballo non paran de baixar mentres as rendas do capital medran”, salientou Pontón, advertindo que os efectos da recentralización estanse notando nun “crecemento enfermo” da economía galega “que nos deixa en peores condicións para encarar unha nova crise”.
A portavoz do Bloque tamén critica que Feixóo centre toda a súa estratexia económica no Xacobeo 2021, “sen facer unha análise realista” do contexto porque Galiza non é “unha illa”. Aí está a guerra comercial USA-China, o Brexit ou a tendencia á alza dos carburantes. Igualmente, nada ofrecen o proxecto de orzamentos para afrontar a crise industrial, nin a deslocalización de empresas, ni para o sector naval, -con Vulcano e Barreras como exemplos-.
“Feixóo é o principal responsable pois fixo de intermediario con PEMEX e o que ía ser a panacea terminou cos socios mexicanos imputados por corrupción, unha trintena de auxiliares en risco e mil empregos en xogo”, denunciou, nin tampouco recollen medidas para enfrontar a situación de ENDESA, carecen de estratexia contra o peche e a fuga de empresas, e nada tampouco en apoio dos autónomos e do pequeno comercio. Falta tamén propostas para unha transición enerxética xusta ou medidas para situar a Galiza como unha referencia en I+D+i.
O prezo máis baixo do leite
Tamén foi moi crítica porque unha vez máis o rural volve quedar no tinteiro, tras unha década na que desapareceron 6.000 explotacións lácteas e 14.700 empregos en dous anos. “Aos nosos gandeiros e gandeiras páganlles os prezos máis baixos do Estado, isto é no que queda da súa promesa da lexislatura do rural, que tamén se manifesta nos 305 M€ sen executar desde 2016”, denunciou na súa intervención en Pleno.
En sanidade, só en atención primaria hai hoxe 142 M€ menos que fai dez anos, un recorte acumulado de 2.300M€ e no SERGAS hai 5.000 prazas sen convocar e segue a privatización de servizos. Non corre mellor sorte o ensino público coa cifra de emprego máis baixa desde 2014, -hai convocada folga para o 12 de decembro-, aumentan os fondos para o ensino concertado e seguen dando axudas os centros que segregan por sexos.
E persiste tamén o infrafinaciamento da universidade, mentres se manteñen os agasallos fiscais á rendas máis altas.
Feminización da pobreza
Caen os fondos para rehabilitación de vivenda, non se aposta con decisión contra a violencia machista, contra a fenda salarial, para frear a feminización da pobreza nin se aposta pola conciliación real. E, unha vez máis, os orzamentos manteñen a política de “asfixia” da lingua e da cultura propias.
Na réplica ao conselleiro de Economía, Pontón recriminoulle ao PP “que branquee” á extrema dereita “racista, machista, xenófoba e antigalega”, que volvese a facer unha vez máis de “oposición da oposición” e que se agarre como a un cravo ardendo a calquera dato negativo, “sempre están mirando para quen está peor, nunca para os mellores e así lle vai a Galiza”.
Igualmente, reprochoulle a Feixóo que tivese votando en contra de presentar un recurso para reclamar os 700 M€ que debe o Estado ou que siga opoñéndose a un concerto económico que lle daría a este país máis recursos e a chave para decidir en función dos intereses de Galiza.