Ana Pontón: “O acordo de investidura mellorará a vida dos galegos e das galegas”
O BNG garante que Galiza será compensada ante calquera recorte de débeda a outras comunidades. “Non imos permitir ningunha discriminación e estamos facendo o traballo que non fai Rueda”, destaca
Menos peaxes, servizo ferroviario de cercanías, xulgados de violencia de xénero e novas transferencias, entre os asuntos do acordo de investidura
Destaca o gran traballo da comisión negociadora para acadar este acordo de integrada por Néstor Rego, Carme da Silva e Rubén Cela
A portavoz nacional, Ana Pontón, amosou o seu “orgullo” por un BNG que unha vez máis demostra a súa capacidade para defender os intereses de Galiza ante o Goberno do Estado mellorando a vida dos galegos e das galegas.
“Co BNG, unha vez máis, Galiza gana, e non lles escondo que é para min moito de orgullo poder dicir que grazas ao BNG miles de galegos e de galegas van ter beneficios na súa vida diaria, que imos mellorar a vida da xente. Esta é a mellor maneira de demostrar a utilidade da política que practicamos para defender os intereses da maioría social, para defender os intereses de Galiza”, salientou a líder nacionalista tras a reunión de Executiva Nacional, que analizou o documento base da negociación do BNG co PSOE.
Non se podía condonar débeda a outras comunidades autónomas que se financiaron a través do FLA e deixar fora a Galiza
Aínda con detalles por pechar, Pontón destacou os tres grandes ámbitos nos que a formación que lidera logra acordos beneficiosos. O primeiro relacionado coas infraestruturas, o segundo cas melloras en financiamento de tal xeito que Galiza vai recibir o mesmo trato que calquera outra comunidade autónoma en relación coa condonación da débeda e, en terceiro lugar, as melloras en benestar social e igualdade.
Pontón foi contundente no relativo á que o acordo negociado polo BNG garante a igualdade de trato con Galiza, de tal xeito que será compensada ante calquera recorte ou condonación de débeda que o Estado conceda a calquera comunidade autónoma. Nese suposto, Galiza recibirá unha “compensación análoga”.
“Non se podía condonar débeda a outras comunidades autónomas que se financiaron a través do FLA e deixar fora a Galiza e iso foi o que logrou o BNG”, explicou Pontón, en contraste cun presidente da Xunta “enfadado, instalado no argumentario que lle ditan desde a madrileña sede de Génova en vez de axudar a materializar un acordo que será beneficioso para Galiza e que establece con total claridade que ten que haber unha compensación para este País ante calquera recorte de débeda noutras comunidades. Non imos permitir ningún tipo de discriminación a Galiza”, proclamou.
“Desde o BNG estamos facendo o traballo que non fai Rueda e só agardo que polo menos no intente poñer paus nas rodas e boicotear este acordo porque é beneficioso para Galiza”, indicou.
Seguiremos traballando por unha AP-9 galega e libre de peaxes e este é un novo paso importante nesa dirección
Entre os detalles concretos explicados pola portavoz nacional, as novas rebaixas na AP-9 que se fan extensibles á AP-53 entre Santiago e Ourense, unha medida que beneficiará a miles de galegos e de galegas facilitando un aforro importante nun contexto de crise de prezos. Pontón destacou que no caso da AP-53, o Bloque logra dar resposta a unha demanda “histórica” que permitirá tamén darlle un respiro á veciñanza da Galiza do interior que quedaba allea aos beneficios das rebaixas das peaxes conseguidas no pasado acordo de investidura.
“Evidentemente seguiremos traballando por unha AP-9 galega e libre de peaxes e este é un novo paso importante nesa dirección”, indicou Pontón.
En materia de infraestruturas destacou o acordo para implantar o servizo de cercanías antes de rematar a lexislatura, dándolle prioridade as dúas áreas urbanas que teñen máis volume de poboación, Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol. Igualmente, o acordo recolle unha mellora xeneralizada de toda a infraestrutura ferroviaria e recuperar as frecuencias que foron suspendidas durante a pandemia. En materia de infraestruturas, tamén se inclúe acelerar os traballos de conexión por tren entre Vigo e Portugal, a denominada saída sur de Vigo, e impulsar o corredor Atlántico
Benestar social
En materia social, o BNG logra incluír cinco xulgados de violencia de xénero, de tal xeito que Santiago, Ourense e Lugo serán xa recollidos nos orzamentos do Estado de 2024. Tamén se está terminando de concretar os puntos para mellorar as pensións, sobre todo as máis baixas.
En definitiva, sintetizou Pontón, “estamos ante un acordo que demostra a importancia de ter unha forza política coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, a importancia de ter unha voz propia sen dependencia de Madrid para darlle impulso á axenda galega”.
“Para min é motivo de orgullo porque é un orgullo traballar pola xente deste país, traballar con humildade pero sabendo que Galiza merece un trato mellor do Estado, e no que dependa do BNG imos contribuír a que sexa posible, sempre poñendo por diante os intereses de Galiza”, concluíu a portavoz nacional, tras felicitar o gran traballo da delegación negociadora do Bloque integrada polo deputado Néstor Rego, a senadora Carme da Silva e Rubén Cela, integrante da Executiva Nacional.
Reclamacións históricas
Pola súa parte, Rego destacou que o acordo recolle unha boa parte “das reclamacións históricas da Galiza en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias e en financiamento”, e puxo énfase nos logros sobre o autogoberno e as transferencias.
Garantimos que calquera mudanza política ten que recoller o mesmo status político para Galiza que para os outros dous países que teñen constitucionalmente a condición de nacionalidade histórica
“Garantimos que calquera mudanza política ten que recoller o mesmo status político para Galiza que para os outros dous países que teñen constitucionalmente a condición de nacionalidade histórica” enfatiza, ao que se engade o compromiso de negociar e transferir todas as competencias pendentes, tanto as recollidas no Estatuto como as reclamadas polo Parlamento. “A pelota en materia de competencias agora está nas mans do Partido Popular, que xa sabemos que en 14 anos non conseguiu ningunha e non o van conseguir nos meses que lle quedan. Terá que ser o BNG quen faga efectivo este compromiso” afirmou.
Rego explicou que o acordo pon ao PP “onde lle gusta estar que é facendo partidismo no canto de defender os intereses dos e das galegas e ten que ser o BNG quen consiga que o noso País non saia discriminado”. Neste sentido, o deputado apelou ós 13 deputados e 14 senadores populares a que “se non axudan, polo menos que non entorpezan e deixen que os demais traballemos”.
Unha idea na que insistiu a senadora Carme da Silva, quen lembrou como o xefe do Executivo foi a Cámara alta a “laiarse” en lugar de defender os intereses do País, o que contrapuxo co acordo logrado polo BNG, “que garante un trato igualitario a respecto da condonación da débeda e mesmo remata coa discriminación na ausencia de servizo de cercanías ferroviarias, un transporte estratéxico para a mobilidade do futuro”, concluíu.medios