Ana Pontón: “Con cabreo ou sen cabreo hai que ir votar porque os galegos e as galegas temos que estar e decidir”
Rego insistiu en que ninguén quede na casa e pediu votar “en liberdade e con confianza” pensando no mellor para o futuro de Galiza
Que ninguén quede na casa porque hoxe é o día de decidir que é o mellor para construír unha Galiza con futuro para os galegos e as galegas. Está foi a mensaxe da portavoz nacional, Ana Pontón, e do candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, que fixeron unha apelación á participación.
“Quero facer un chamamento á participación a que, con cabreo ou sen cabreo, se vote, a que se vote pensando na mellor maneira de construír un futuro digno en Galiza e que votemos pensando no moito que está en xogo neste proceso electoral”, subliñou Pontón tras depositar o seu voto na mesa electoral do CGAC en Santiago.
“O importante é que o futuro o decidamos entre todos e todas, libremente, votando desde as nosas ideas e principios e coa convicción de que esta é unha xornada na que nos xogamos moito e na que os galegos e as galegas temos que estar e decidir como queremos seguir andando este camiño”, subliñou. A líder nacionalista animou a votar “con convicción, ilusión é alegría coa cabeza e co corazón en Galiza pensando tamén en todas as mulleres que loitaron porque hoxe teñamos o dereito de exercer o voto, a ser cidadáns libres e iguais”.
Convencida de que ninguén quedará na casa polo mal tempo, Pontón admite que hai moita xente cabreada pola repetición electoral “pero hoxe é un día para votar, con cabreo ou sen cabreo, -insistiu-, porque nos xogamos moitos e Galiza ten que poñer as súas posición sobre a mesa e que hai que facelo hoxe para non arrepentirse despois”.
O candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, tamén fixo unha apelación á participación.
“Que ninguén quede na casa e que se vote en liberdade coa confianza de que é a oportunidade para decidir entre todos e todas a Galiza que queremos, sabendo que o voto é un dereito e unha responsabilidade, a que asumimos todas as persoas para colectivamente construír unha Galiza mellor, que se exprese por si propia porque é a vontade colectiva de todo un pobo. Se o facemos así este país irá a mellor”, destacou.