Ana Pontón ofrece un BNG con “proxecto, entusiasmo e optimismo para construír unha Galiza con futuro desde os concellos”
Afirma que fronte un PP sen ideas e un proxecto esgotado, o BNG representa: “un país novo, con confianza, e esperanza. Unha nova Galiza que imos construíndo colectivamente, concello a concello”.
Anuncia a participación do BNG na mobilización de mañá, en Compostela, contra o espolio enerxético das grandes eléctricas, amparadas polo Goberno galego con Rueda á cabeza
Tras a xuntanza do Consello nacional, centrado na preparación das vindeiras eleccións do 28M, a portavoz nacionalista, Ana Pontón afirmou que “o BNG representa o entusiasmo, a vitalidade, e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega; E somos capaces de poñer en marcha as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade e os concellos onde gobernamos son o mellor exemplo de como construír vilas e cidades con futuro”. Nesta liña, remarcou que, ”o BNG demostra que hai outra forma de facer política e que outra Galiza é posíbel”.
Pontón destacou que estamos diante duns comicios que decidirán os gobernos dos concellos galegos pero ademais, representan o inicio “dun ciclo decisivo para o futuro do noso país” con catro procesos electorais consecutivos nun ano, eleccións municipais, xerais, europeas e galegas. Estamos nun momento político que supón “unha grande oportunidade para o BNG e dende o BNG non nos poñemos límites porque iso, é o que no pide este momento histórico e o que nos demanda Galiza”.
O BNG alternativa real ao PP
Inxerida nunha intensa precampaña, a líder do BNG amosou a súa satisfaccións ante a grande participación nos encontros e actos organizados por todo o país, “vexo mocidade e colectivos que se unen ao BNG con ilusión, esperanza e emoción na xente”. Vexo alegría, futuro e sobre todo, como medra a corrente de simpatía cara o BNG e como cada vez, máis galegos e galegas “miran para nós como alternativa real ao PP”.
“O BNG está preparado para gobernar”. E para facelo, contamos co aval dos gobernos municipais, que son “unha marca de calidade, garantía de participación, democratización, identidade, equidade, dinamismo e futuro”, reiterou Pontón
Gobernos fiábeis, coas ideas claras. Gobernos valentes, que rompen cos privilexios e cos tratos de favor, que poñen as persoas no centro, que xestionan ben cada euro, que defenden os nosos sinais de identidade, que coidan o medio, e que xeran confianza, autoestima e orgullo.
Cando temos que pensar en concellos galegos que son referentes aquí e fóra en quen pensamos? Nos concellos do PP? do PSOE? Non, respondeu, Pontón, pensamos en exemplos internacionais e de orgullo como Allariz, Pontevedra, Carballo, Ribadeo, por citar só un de cada provincia. “Todos os concellos BNG sodes un orgullo e sodes o exemplo de que unha nova Galiza se vai facendo realidade desde abaixo, concello a concello”.
Non podemos permitir que Galiza vaia a menos e que nos coloquen no asento de atrás. Sabemos que Galiza ten riqueza e talento, ten recursos e potencial para ser un país moderno e avanzado. Pero para conseguilo, insistiu a nacionalista, “precisamos romper as ataduras do centralismo, precisamos poder de decisión, gobernarnos nós, e escoller o mellor en función dos intereses do noso pobo. Non en función dos intereses de Madrid, nin dos grandes lobis económicos, representados polo PP na Xunta”.
O BNG planta cara ao espolio enerxético das grandes eléctricas e do PP
Pontón explicou que Galiza precisa dun goberno que defenda a nosa pesca e o noso rural, fronte á cobiza das grandes empresas enerxéticas que se están forrando co espolio dos nosos ríos e dos nosos montes. “Unhas empresas que son insaciábeis e agora veñen a polo noso mar”. A líder do BNG advertiu que “non llo imos permitir”, e o BNG estará ao lado da xente do mar e do rural para plantarlle cara ás eléctricas e a un PP que actúa como o seu axente comercial, empezando polo propio Rueda”.
Precisamos un goberno que garanta o dereito a unha vivenda pública fronte á parálise dun PP desconectado da realidade e os foguetes de artificio do goberno central. O BNG somos a alternativa para darlle futuro e esperanza á xente deste País, moi especialmente a unha mocidade que ten que saber que traballamos por e para ela para que nunca máis teña que emigrar, para que Galiza sexa tamén un país para os novos e as novas.
Os retos son inmensos e temos que estar á altura. Actuando con enerxía, con rebeldía, con humildade, con proximidade e con confianza. “Sempre coa man tendida e cun sorriso no beizos. Coa enerxía transformadora do feminismo e impulso e o talento imparábel das mulleres, como están demostrando as nosas alcaldesas”, enfatizou.
Non podo imaxinar “unha causa máis estimulante e máis fermosa que facer da nosa terra o país do benestar, das oportunidades, da equidade e da xustiza”, concluíu.