Ana Pontón: “O novo goberno que saia do 10N debe rectificar unha sentencia impropia nun Estado democrático”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cuestionou a “credibilidade da xustiza” tras varias filtracións da sentenza do Procés e apelou a que o “novo goberno que saia do proceso electoral do 10 de Novembro, debe rectificar unha sentenza impropia nun Estado democrático”.
Para a portavoz nacionalista, “ningunha persoa demócrata pode permanecer indiferente ou equidistante ante unha sentenza que representa un profundo erro político e un síntoma máis da involución democrática que se vive no Estado español”.
Pontón expresou o rexeitamento do BNG a unha sentenza “froito dun xuízo político”, e que consideramos, recalcou, “inxusta e desproporcionada”. A portavoz do BNG trasladou a solidariedade ás persoas que van á cadea pola defensa das súas ideas e dun mandato democrático que saíu das urnas.
Para a portavoz nacionalista, “as presas e presos políticos cataláns non tiveron acceso a un xuízo xusto, imparcial nin desenvolvido coas mínimas garantías. Estaban sentenciados antes de comezar, a pesar de que o seu único delito foi defender, por vías pacíficas e democráticas, o dereito do pobo catalán a decidir libremente o seu futuro. Votar non pode ser delito, e non se poden ilegalizar ideas democráticas”, manifestou.
Esta sentenza, explicou é a “enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que estamos a vivir”. Unha involución que ten varias caras, que vai desde a negativa a recoñecer que as nacións sen estado existimos e temos dereito a decidir libremente, até a recentralización e perda de dereitos e liberdades básicas como a liberdade de expresión, reunión, manifestación, conciencia ou de participación política.
O BNG sempre estará do lado da democracia e do dereito de todos os pobos do mundo a poderen decidir libremente o seu futuro polo que reiterou o seu chamamento a “unha rectificación política ao novo goberno español que sairá das urnas o vindeiro 10 de novembro”. Este é un debate de índole política que nunca se poderá resolver pola vía policial e xudicial. Só ten unha saída: a negociación política e que o pobo poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos.