Ana Pontón: “A nova factura da luz beneficia o lobby enerxético, pero penaliza as familias e as PEMES en plena crise”
Propón un IVE 4%, tarifa eléctrica galega e derrogar os aspectos máis lesivos dunha factura “abusiva e inxusta” para a maioría social
Advirte que é un obstáculo á conciliación que pagarán as mulleres: a mensaxe é que se queres aforrar hai que poñer a lavadora a medianoite
O 1 de xuño entran en vigor os cambios na factura da luz coa desaparición da tarifa nocturna para dar paso a un sistema de prezos por tramos horarios que vai provocar un aumento da factura. As consecuencias foron denunciadas pola portavoz nacional, Ana Pontón, ante a sede de Naturgy en Santiago, a empresa con máis mercado en Galiza.
“As novas tarifas benefician ás eléctricas pero prexudican tanto as familias como ás PEMES e ao conxunto da economía en plena crise”, denunciou a líder do Bloque, tras reprochar que desde un Goberno que se autodenomina como o máis progresista da historia se lexisle en contra da maioría: “A factura eléctrica está determinada polo lobby enerxético e polas portas xiratorias, -que parece que funcionan moi ben para o PSOE e para o PP-, pero está en contra da maioría social encarecendo a factura da luz no peor momento”, denunciou.
A maioría dos e das consumidoras van ter un aumento nos custes e condiciona un posible aforro na factura a un cambio nos hábitos de vida. “Se unha familia non quere pagar máis pola luz, ten que poñer a lavadora, usar a prancha, poñer o lavalouzas usar o forno ou facer calquera tarefa que supoña consumo eléctrico a partir das doce da noite,. Non sei se iso é o que entenden por conciliación o Goberno central e as eléctricas”, interpelou Pontón.
A líder nacionalista subliñou que as novas tarifas horarias dificulta tanto a conciliación laboral e familiar como o descaso persoal e penalizan especialmente ás mulleres ao ser elas as que maioritariamente asumen o traballo doméstico.
O Bloque destaca que hai tres colectivos e sectores especialmente prexudicados coa nova factura. As familias que até agora tiñan tarifa nocturna, arredor de medio millón de fogares galegos para os que o incremento estimado pode chegar até o 30%, ademais de poñerlle patas arriba a organización dos seus horarios.
En segundo lugar, castiga tamén ás pequenas explotacións gandeiras, unhas 10.000, que concentran as tarefas de alto consumo enerxético sobre todo nos tramos horarios que pasan a ser máis caros. E, en terceiro lugar, castiga ao sector da hostalería, un dos máis afectados pola pandemia, posto que a inmensa maioría dos bares, cafeterías e restaurantes están pechados nas horas de consumo máis barato e abertos nas horas de consumo máis caro.
Para corrixir os efectos negativos da nova facturación, Pontón avanza as propostas do BNG. Primeira, levar o asunto ao Parlamento para pedir a retirada dos aspectos máis lesivos da normativa. Segundo, a formación nacionalista volve propoñer a implantación da tarifa eléctrica galega, “e acabar do desatino de que, sendo Galiza produtora neta de electricidade, familias e empresas non teñan ningún beneficio senón que, por contra, paguemos a factura máis cara”.
Como terceira proposta, a vía fiscal, de tal xeito que o Bloque defende un IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora, “porque é un servizo básico non un artigo de luxo”, alega, así como a supresión do imposto especial de electricidade.
Preguntada polo proceso de desescalada, Pontón volveu insistir en axilizar a campaña de vacinación, “porque é o mellor antídoto para loitar contra o virus”, e considera “lóxico” que, se ese proceso avanza e os datos son bos, “desescalar as medidas máis restritivas pero sempre desde a máxima prudencia para non dar ningún paso atrás, nin botar pola borda o esforzo feito”.