Ana Pontón: “O noso candidato por Ourense, Francisco García, non vai a Madrid para estar calado”
“A provincia está con ventos de cambio”, destaca o candidato que pide o apoio para acabar coa discriminación do bipartidismo con Ourense
Infraestruturas ferroviarias, rematar co tarifazo de renfe e darlle unha solución a San Francisco, activar sectores económicos e traspaso confederación hidrográfica, entre as súas prioridades
En Ourense, recalcou, o Bloque presenta unha candidatura “potente” liderada polo ex alcalde de Allariz Francisco García, de reputada traxectoria política, acompañado de persoas “con implicación en diferentes ámbitos sociais que teñen demostrado o seu compromiso con Galiza”.
En contraposición cos 23 deputados e deputadas electas que permaneceron mudas ante a discriminación do Estado: “foron inútiles para Galiza porque o único que fixeron foi obedecer as direccións madrileñas dos seus partidos”, e nun Congreso sen maiorías absolutas, onde cada voto conta, “os deputados e deputadas do Bloque van ser decisivos a favor deste país condicionando as decisións do Estado”.
No caso de Ourense, para acabar coa estafa das peaxes da AP53, o tarifazo que soporta a cidadanía de Ourense cando viaxa en tren, con prezos nos billetes até un 60% máis caros que a media do Eixo atlántico, ou o espolio enerxético que supón ter unha gran parte da provincia cuberta de encoros sen obter beneficio algún por producir electricidade a esgalla.
Desde logo, recalcou, “Francisco García non vai ir a Madrid para estar calado senón para defender un futuro diferente para Ourense”, empezando por poñer na axenda estatal as cuestión antes citadas e outras como a transferencia da confederación hidrográfica do Río Miño-Sil, prezo xusto da enerxía ou para reivindicar a creación dun xulgado específico contra a violencia machista, máis urxente que nunca agora que desde o Goberno municipal que apoia o PP desprotexe ás vítimas da violencia de xénero.
Pontón destacou a capacidade da formación nacionalista “para sumar e conseguir apoios desde a diversidade”. “Pensamos que isto é unha boa nova nun momento en que vemos como prima a división, se impoñen os egos e os intereses partidistas. Neste contexto, o BNG está demostrando que poñemos por diante os intereses deste país e, neste sentido, queremos agradecer que nesta cita electoral haxa outras forzas como CxG que se suman e piden o voto para a candidatura do Bloque”.
Valor dobre do apoio ao BNG
Pola súa parte, Francisco García, destacou o equilibrio entre experiencia e renovación da candidatura que lidera, “persoas que queremos aportar unha proposta construtiva ao cabreo e ao desencanto que moita xente ten neste momento”. Agradeceu os apoios que está recibindo e a incorporación da representación por CxG “que fai máis visible que se trata dunha candidatura de país”.
“A provincia está con ventos de cambio, é posible porque hai un escenario aberto, está claro o retroceso do PP na provincia e desde Ourense o BNG quere tamén contribuír a ese cambio, a esa transformación sabendo que o voto ao Bloque ten un dobre valor, o compromiso coas liberdades, cos traballadores, co feminismo, un valor de compromiso social desde a esquerda pero tamén un valor de defensa de país”, salientou.
O bipartidismo PP-PSOE “ten sido unha das causas do atraso e da situación de decadencia de Ourense que, pese o seu potencial, soporta unha crise demográfica que fai perder poboación pola falta de expectativas e provoca unha situación de auténtica emerxencia”, lamentou.
Cabreo construtivo para Ourense
García afronta esta campaña “con ilusión, entusiasmo e co interese de facer valer un programa que quere buscar solucións para as cuestións máis urxentes desta provincia e para combater a ineficacia das forzas estatais”, da que da boa mostra, dixo, a situación do museo arqueolóxico. “Que unha obra como esta leve 17 anos sen finalizar nunha provincia que precisa reforzar a súa capacidade de atracción e indicativo do pouco peso e da pouca capacidade de todos os que presumen dos sucesivos gobernos amigos”.
As infraestruturas pendentes en particular as ferroviarias desde a intermodal á estación de San Francisco, promover os sectores económicos e a transferencia da confederación hidrográfica Miño-Sil, entre as súas prioridades. Rematou pedindo á cidadanía que pensa que se pode gobernar dunha maneira diferente “que o seu cabreo pase a ser un cabreo construtivo en forma de apoio a un BNG serio e rigoroso con principios, valores e ética e que ten demostrado a importancia da súa presenza no Congreso para esta provincia”.