Ana Pontón: “non temos que pagar esta crise, os gobernos da Xunta e do Estado deben poñer en marcha medidas efectivas contra a suba de prezos”
A Portavoz Nacional do BNG participou hoxe nun acto público en Lugo onde achegou as propostas da organización para facer fronte á suba de prezo
Coa campaña Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer!, o BNG propón un decálogo de medidas para axudar aos sectores máis afectados da economía galega
O acto contou coas intervencións de Rubén Arroxo, portavoz do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación e representantes do sector da perruquería, da mocidade e pensionistas
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón achegouse hoxe a Lugo para participar nun acto público onde presentou as alternativas do BNG para facer fronte á suba de prezos. Ana Pontón afirmou que “a principal preocupación das galegas e galegos é a escalada de prezos que afecta ás familias, aos sectores produtivos e ás empresas”, e engadiu “desde o BNG desde o primeiro momento esiximos medidas urxentes e ambiciosas que eviten o colapso da economía galega e protexa ás familias”.
O acto do BNG contou tamén coas intervencións do Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, da Vicepresidenta da Deputación e Concelleira en Lugo, Maite Ferreiro e de representantes dos sectores afectados pola suba de prezos, Ángeles Salgueiro representando ao sector da perruquería, Manolo Muñiz en representación das e dos pensionistas e Ada Blanco en nome da mocidade.
O BNG considera urxente abordar unha reforma do sistema fiscal para compensar a perda do poder adquisitivo dos sectores da poboación economicamente máis vulnerábeis, incrementando a progresividade do IRPF, e evitando a tributación sobre rendementos nominais e non reais. Tamén propón a incremento no límite de gasto de dietas e locomoción, converter o imposto de sociedades nun imposto progresivo e revisar os impostos de Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns.
“É preciso iniciar unha baixada selectiva do IVE en bens e servizos de primeira necesidade como son a alimentación, produtos de hixiene persoal e feminina, transporte público ou os servizos enerxéticos básicos como a luz e o gas” destacou a portavoz do BNG.
Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso debe ser un dos sectores prioritarios nos o Goberno debe actuar. O BNG reclama aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega a través do abaratamento das peaxes de transporte “por sermos un País produtor e excedentario de enerxía eléctrica”, explicou a Portavoz Nacional do BNG.
Para o BNG é preciso tamén impulsar medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva, cunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo. Ademáis, Pontón afirmou que “é preciso prohibir por lei, de maneira permanente, o corte das subministracións básicas de luz, auga e gas”.
Por outra banda, a formación nacionalista defende “a suba das pensións mínimas e os salarios mínimos até 60% do Salario Medio tal e como recolle a Carta Social Europea” e a suba dos salarios co IPC. De maneira inmediata, medidas como a suba de prestacións social tales como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e mesmo a ampliación do bono social e o bono eléctrico.