Ana Pontón: “Non pode ser que a xustiza defenda os privilexios do Franquismo”
O BNG ve na sentenza das estatuas de Isaac e Abraham unha proba de que a involución democrática tamén afecta á xustiza
“Non imos dar nin un paso atrás, nin permitir que a extrema dereita xudicial tente meternos medo nos xulgados”, advirte en relación aos 19 de Meirás
O BNG denuncia que a sentenza que denega ao consello de Santiago as estatuas de Isaac e Abraham, “pese a ser o seu lexítimo propietario”, é unha mostra de que a xustiza defende os privilexios do Franquismo.
“O risco que temos é o dunha xustiza entregada á defensa dos privilexios do Franquismo, é o que nós preocupa e hai que denunciar un proceso xudicial que nunha semana intenta pechar unha reivindicación que ten tras de si unha reivindicación democrática tan forte e que está fundamentada desde o punto de vista legal”, salientou a portavoz do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional.
“Non pode ser que a xustiza defenda os privilexios do Franquismo, e preocúpanos que isto poda ser utilizado como escusa para non reclamar a propiedade do Pazo de Meirás, porque o que non podemos facer neste momento e dar ni un paso atrás, pola contra, temos que dalos todos cara adiante”, salientou a líder nacionalista.
Pontón fixo especial referencia a unha xustiza marcada pola involución democrática cando están pendentes resolucións xudiciais sobre os denominados 19 de Meirás.
“Preocúpanos que hai 19 persoas neste país pendentes dun xuízo e non imos permitir que a extrema dereita xudicial nos meta medo nos xulgados. Imos seguir dando a cara, apoiando a estas persoas e reclamando o que é xusto: que os bens que se roubaron durante o Franquismo se devolvan ao pobo galego, desde as estatuas até o Pazo de Meirás”, recalcou Pontón.
Na súa intervención ante o Consello Nacional, salientou que a involución democrática agravada por unha dereita “botada ao monte”, -que ademais lle marca tamén o paso, a axenda e as decisión a esquerda estatal-, tamén actúa na xustiza, como demostra esta sentenza. “Como pode ser que nunha semana se dirima que as estatuas de Isaac e Abraham non se devolvan ao seu lexítimo propietario que é o concello de Santiago de Compostela?”, interpelaba, “a sombra da dereita é moi longa e ten moitos brazos tamén na xustiza”, concluía.