Ana Pontón non descarta a vía xudicial para reclamar e coseguir a documentación que o Goberno do PP oculta ao Parlamento
Convenios coa sanidade privada, listas de agarda, sancións ás eléctricas, facturación con empresas vinculadas ao PP, entre os asuntos vetados
“Rueda ten que deixar de poñer paus nas rodas do Parlamento coa súa actitude obstrucionista e antidemocrática”, reclamou a líder do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG non descarta a vía xudicial para conseguir a documentación que o Goberno do PP esconde ao Parlamento en asuntos de gran relevancia e que afectan a temas como a sanidade, residencias, concesión de axudas e subvencións, expedientes sancionadores por delitos ambientais ou facturación con empresas vinculadas a altos cargos do PP que contratan coa Xunta.
“Denunciamos a sistemática ocultación de información por parte do Goberno do PP, nunha actitude obstrucionista, antidemocrática e que fai que nos preguntemos que oculta para vetar o envío do 75% da documentación que solicitamos”, interpelou Pontón, en referencia a información demandada ao Executivo popular en base ao artigo 9 do regulamento da Cámara.
No que vai de Lexislatura, o BNG ten feito cerca de 600 peticións de información, a maior parte están sen contestar pese ao que o Goberno ten a obriga de facelo en trinta días hábiles, pero máis de 300 son peticións de documentación que superan o ano e 43 foron cursadas en 2020.
“Preguntámonos que ten que esconder o Partido Popular e o señor Rueda para negarse a mandar a documentación que lle pedimos? Que lle esconde aos galegos e as galegas? Para quen goberna se tanto ten que ocultar?”, interpelou a líder nacionalista, citando exemplos de información solicitada e, até agora, vetada polo PP.
Esconde a documentación das subvencións, préstamos e avais concedidas ao estaleiro de Barreras, tendo en conta o fiasco de PEMEX mesmo con investigacións por corrupción; os contratos adxudicados a Eulen desde 2009, considerando o incremento da facturación pública da empresa na que traballa a irmá de Feixóo, presidente da Xunta durante doce anos; agocha a documentación das listas de espera na atención hospitalaria ou os datos das persoas falecidas nas distintas residencias da terceira idade durante a pandemia.
En materia sanitaria, tampouco envía á Cámara os convenios do SERGAS con empresas da sanidade privada, nin os expedientes sancionadores a empresas que teñen concesións hidroeléctricas ou a relación de parques eólicos construídos nos ámbitos de aplicación de Rede Natura. Igualmente, esconde o expediente de declaración BIC do Pazo de Meirás ou o censo de vivenda baleira.
“Estamos ante unha actitude opaca, obstrucionista e antidemocrática do Goberno do PP, e por iso pido ao señor Rueda que envíe de inmediato toda a documentación pendente, sen máis dilación nin trilerismo político, porque é importante para exercer o labor de control ao Executivo e anticipo que senón muda esta práctica antidemocrática, desde o BNG non descartamos ningunha acción, incluída a xudicial, porque non imos permitir que o PP poña paus nas rodas á función de control do Parlamento que é esencial nun sistema democrático”, concluíu.
Visita de Rueda a Arxentina e Uruguai
A preguntas dos medios en relación á visita do presidente da Xunta a Arxentina e Uruguai, Pontón espera que “as visitas institucionais á emigración busquen fins institucionais, porque se volvemos ás vellas prácticas do pasado mal, en primeiro lugar para a propia xente da emigración que ten dereito a ser tratada como cidadanía e non como mercadoría electoral”, alegou. “O BNG considera que hai que facilitar o voto da emigración, pero non volver as vellas prácticas do pasado que de democráticas tiñan moi pouco”, subliñou.