Ana Pontón: “Que ningún voto do cambio galego quede na casa”
Apela a superar as enquisas: “hai partido e saímos a ganalo para facer historia coa primeira muller presidenta liderando un goberno coas mans libres a favor do país”
Denuncia a improvisación de Feixóo ante o rebrote da Mariña e critica o seu “escapismo” en lugar de poñerse a fronte cando hai problemas para solucionalos
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, está convencida de que o 12 de xullo é posible superar a enquisas se todas as persoas que queren un cambio real se mobilizan de xeito masivo nas urnas da man do BNG: “hai partido e saímos a por todas, saímos a ganalo para abrir un tempo novo e que por primeira vez Galiza teña un goberno liderado por unha muller e nacionalista na Presidencia”.
Para conseguilo, Pontón fixo un chamamento á mobilización desa maioría social que quere deixar atrás once anos de decadencia e inmobilismo: “non se pode perder nin un só voto, que ningún voto do cambio galego se quede na casa”, proclamou no mitin de Ferrol, “se nos mobilizamos haberá un cambio real liderado polo BNG, pasemos do que digan as enquisas porque o próximo 12 de xullo imos superar esas enquisas facendo historia entre todos e todas logrando que, por primeira vez, este país teña unha muller nacionalista como presidenta do país”.
Despois de facer un recoñecemento ao pobo galego “polo comportamento exemplar” durante a crise, en particular ás persoas que estiveron na primeira liña da loita contra a pandemia, Pontón volveu trasladar a preocupación do BNG ante o rebrote da Mariña, con máis dun cento de persoas contaxiadas ás que dedicou palabras de alento e confianza. Un rebrote ao que o presidente da Xunta e candidato do PP está respondendo, -criticou-, desde a irresponsabilidade e a improvisación.
“Despois de pasarse catro meses de comparecencias propagandísticas televisivas, para atribuírse méritos que lle correspondían ao conxunto da cidadanía, agora que ten todas as competencias e hai un problema na Mariña non comparece e manda ao conselleiro, -recriminou-. Este país non se merece a un presidente escapista senón a unha presidenta que vai dar a cara e que vai estar ao lado da xente cando hai problemas”, recalcou, ao tempo que volvía insistir na urxencia de ter “un protocolo claro” que estableza como actuar e que medidas tomar para minimizar os efectos do rebrote porque “o máis importante é a saúde”.
Pontón salientou que Galiza precisa un goberno que non se limite a facer promesas que nunca chegan a nada, - “no precisamos máis PEMEX en campaña”, denunciou-, senón un goberno que faga valer os intereses do país que, na comarca de Ferrolterra, chámanse “apoio ao sector naval, e chámase unha transición enerxética xusta que non deixe tirados centos de empregos nas Pontes, un concello polo que pasou onte o candidato do PP sen aportar nin unha solución tras once anos ao fronte da Xunta”.
“Hai que superar nas urnas as décadas de goberno da dereita que representa Feixóo que nos deixa un país esnaquizado, no económico e no social, cunha desertización industrial que avanza imparable e cun problema demográfico sen precedentes, que nos deixa unha Galiza sumida na irrelevancia política tras once anos de submisión a Madrid. O 12 de xullo imos deixar atrás todo iso para construír unha nova Galiza cun goberno liderado polo BNG capaz de darlle futuro a este país”.
Confianza e mans libres para erguer o país
Confianza no potencial do país e mans libres para tomar as decisións sen pedir permiso a Madrid son para Pontón parte das receitas que van permitir “erguer” Galiza nesta crise, “apostando por unha economía verde, pola innovación, pola recuperación do medio rural, facendo unha aposta estratéxica polos nosos sectores produtivos e, sobre todo, confiando no país e en que podemos converter Galiza na envexa de Europa”.
Pontón deixou claro que co “proxecto solvente, serio, con ideas e autocentrado” que representa a súa candidatura outra Galiza é posible, e pediu a todos os galegos e galegas que se atrevan a dar o primeiro paso para facer realidade esa Galiza “que soñamos”: encher as urnas de papeletas ao BNG.
Un soño que no caso de Ferrolterra pasar por ter un goberno que apoie o seu sector naval, que poña en marcha unha transición enerxética xusta, que traballe para frear a desertización industrial, pola rehabilitación de vivenda e de recuperación do patrimonio no casco vello e significa apostar polos servizos públicos de calidade, en particular na sanidade, “porque é impresentable que tras once anos de Goberno do PP, esta comarca siga cun hospital que non tivo ningún investimento, por contra, o candidato Feixóo non fixo máis que paralizar os proxectos de modernización. Se queremos defender a sanidade pública, BNG”, proclamou.
“Por todo isto, diríxome a esa maioría social que hoxe quere abrir un tempo novo en Galiza e pídelle que sume na candidatura que lidero o voto do cambio galego, facendo realidade o que o PP máis teme: unha mobilización histórica que poña a unha muller na Presidencia cun Goberno que goberne Galiza desde Galiza”.
“Este é o momento de recuperar a ilusión por poñer un país novo en marcha. Este é o momento de votar diferente, de votar BNG, de facer historia, de que Galiza abra de verdade un tempo novo e gañemos un futuro diferente e mellor como país. Este é o momento de confiar e de votar polo cambio galego. E eu prométolles que non lles vou fallar, que un Goberno galego que eu encabece non lles vai fallar”, concluíu.