Ana Pontón: “As mulleres non imos tolerar que se cuestione un só dos nosos dereitos”

Encontro Mulleres

Fai un chamamento a participar masivamente nas mobilizacións e folga do 8 de marzo contra as políticas involucionistas e regresivas contra as mulleres

Nun acto celebrado en Santiago, ante cen mulleres procedentes de diferentes lugares de Galiza, para visibilizar o compromiso feminista do BNG e preparar as actividades do vindeiro 8M, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  afirmou que “as mulleres non imos tolerar que se poña en cuestión ningún dos dereitos que fomos conquistando ao longo dos tempos”.

Tras facer un recoñecemento a todas as mulleres que loitaron pola igualdade e desafiaron ao patriarcado, desde Rosalía a Virxinia Wolf, as mulleres das Irmandades da Fala contra o franquismo, as sufraxistas e as diferentes oleadas feministas, a portavoz do BNG fixo  especial mención ás cigarreiras da Coruña, protagonistas da primeira folga de mulleres en Galiza no ano 1857. Para que haxa cambios, explicou, non podemos ter medo nin crer o mito que a historia pretende transcender, moitas delas eran nais solteiras, independentes, remisas ao matrimonio e cun sentido  avanzado da vida, non respondían ao  "rol tradicional".  Foron as primeiras en crear clubs republicanos e de libre pensamento e  lograron  as primeiras salas de lactación, garderías e escolas dentro das fábricas.

Neste sentido, Pontón recalcou que o 8 de marzo,  todas as mulleres temos que saír a rúa para dicir alto e claro que non imos permitir "ni un só paso atrás" nos dereitos que levamos conquistados

Parafraseando a  Simone de Beavouir quen afirmou - Bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das  mulleres volvan a ser cuestionados… debedes permanecer vixiantes toda vosa vida-, a portavoz do BNG manifestou  "nunca podemos dalos  por conquistados porque no medio da  crise económica e política "os dereitos das mulleres volven a ser cuestionados" e temos o deber de   responder desde a rebeldía, "desde unha Galiza feminista" contra todos os que nos queren facer retroceder con discursos neomachistas disfrazados de igualitarismo”.

Temos que desenmascaralos cando nos  queren convencer para ser "incubadoras de fillos e fillas de persoas con grande nivel adquisitivo", temos que desemascaralos cando  queren decidir sobre o noso dereito ao propio corpo, o aborto ou  facer    negacionismo da violencia de xénero.

O 8 DE MARZO HAI QUE TOMAR AS RÚAS

O 8 de marzo nas rúas pero tamén nas urnas, recalcou Pontón , temos que deixar ben claro que non imos  permitir que "nos rouben dereitos" e imos sinalar a todas aquelas forzas políticas que pretenden dar pasos atrás ou sexan cómplices desa intención.

O ano pasado, fixemos  historia  en Galiza cun 8 M masivo que quedou na retina de moitos e que marcou  "un antes e un despois", pero tamén  somos conscientes de que non chega con loitar un día ou un ano. Necesitamos que o vindeiro 8 M sexa masivo e que demostre que as galegas queremos seguir avanzando. Resulta evidente d que os que gobernan "non tomaron nota" das nosas demandas. “A brecha salarial non se moveu e mesmo medra, as pensións das galegas son as máis baixas, as investigadoras son discriminadas e   a conciliación e  corresponsabilidade continúan sendo unha "quimera".

NINGÚN PASO ATRAS NOS DEREITOS CONQUISTADOS POLAS  MULLERES

Pontón aludiu ao  terrorismo machista que sigue arrebatando  a "vida de moitas compañeiras" polo que volveu  pedir a implicación da sociedade nas mobilizacións e folga do 8M, "por todas as que xa non están e polas que estamos aquí” reclamando ser libres e sen medo para poder decidir como queremos vivir, sentenciou.

Finalmente, a portavoz do BNG lembrou a convocatoria nacional que se celebrará o vindeiro  3 de Marzo  na cidade de Lugo, todas as mulleres poderemos expresarnos como “feministas e galegas”. O feminismo non é o contrario do machismo. “O feminismo é un movemento liberador para homes e mulleres e  dende BNG o queremos seguir construíndo feminismo e  igualdade. O feminismo ten que trufar todo o que facemos como nacionalistas e o BNG é da exemplo, incorporou a un gran número de mulleres,  unha voceira e dúas vicevoceiras, máis mulleres que homes na Executiva nacional  e un grupo parlamentario co 70% de mulleres pero, “aínda quedan moitos retos por diante”, concluíu.