Ana Pontón: “É o momento de coller con ganas a papeleta do BNG porque nesa papeleta está a vida dos galegos e das galegas”
Nin discurso do medo, nin mal menor, apela á ilusión para concentrar no BNG todo o voto rebelde e de País para defender Galiza en Madrid
Contra a discriminación das forzas estatais que nos tratan como cidadáns de segunda, a receita é encher as urnas de votos BNG, proclama Pontón
Rego subliña que o BNG volverá ser esixente ante o Goberno do Estado
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu aos galegos e ás galegas a acudir as urnas o vindeiro domingo con esperanza e con ilusión, votando coa cabeza e co corazón en Galiza co obxectivo de acadar un grupo galego forte para facer valer os intereses deste País en Madrid.
“Non é o momento de votar con medo nin polo mal menor, é o momento de votar con ilusión, con forza, con ganas de coller a papeleta do BNG porque nesa papeleta está a vida dos galegos e das galegas”, proclamou no mitin das Pontes, “a papeleta do BNG é a que lle da poder aos galegos e as galegas para facerse valer en Madrid, para a defensa de investimentos xustos, para a defensa dunha transición enerxética xusta, para poñer fin ao centralismo e para a defensa do futuro deste País”, recalcou.
Insistindo nesa mensaxe, Pontón pediu “concentrar no BNG todo o voto rebelde, inconformista, de País e todo o voto das persoas que están fartas de ver como as forzas estatais tratan aos galegos e ás galegas como cidadanía de segunda. A papeleta do BNG no busca privilexios, ao contrario, busca xustiza e dignidade para este País, para iso serve a papeleta do BNG”, subliñou.
A portavoz nacional ironizou sobre os “predicadores do non”, os que pregoan que non é posible ter un grupo galego forte no Congreso, “son os mesmo que dicían que non había alternativa ao PP e hoxe somos o BNG quen lle disputa a Presidencia en Galiza; os mesmos que dicían que non íamos ser a forza que máis incrementase a súa representación nas municipais, e aí temos un 30% máis de concelleiros e concelleiras por todo o País; os mesmos que dicían que non íamos facer historia en Compostela e aí estamos cunha alcaldesa do BNG liderando o goberno da capital do País”, enumerou.
Este 23 de xullo, “imos volver ganar as do si, que é posible ter un grupo galego forte no Congreso, basta con que todas as persoas que votaron Bloque nas pasadas eleccións galegas e agora nas eleccións municipais “volvan confiar en nós este 23 de xullo, con esa confianza imos ter un grupo galego forte con deputados e deputadas por todas as provincias”, recalcou. Neste sentido, explicou que moitas veces escoita eloxiar o papel que xogan vascos e cataláns no Congreso, condicionando a política do Estado para mellorar a vida dos seus pobos.
“Non é que sexan máis hábiles, nin que teñan mellor estratexia negociadora, o que si teñen son forzas nacionalistas con grupos fortes e usan esa forza para facerse valer. É o que quere facer o BNG, non para conseguir privilexios senón para conseguir un trato xusto con Galiza e para acabar coa discriminación do bipartidismo de sempre”, alegou, subliñando que “un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes, imaxinade o que podemos lograr con un grupo galego forte!”.
Máis BNG é menos PP
Pontón destacou que en Galiza, a alternativa real ao PP é o BNG, ao que lle disputa escanos nas catro provincias, “cada escano máis do BNG é un menos para o PP; canto máis BNG, menos PP”, asegurou.
A portavoz nacional rematou a intervención nas Pontes facendo un chamamento á mobilización porque Galiza xógase moito, “xógase ter unha voz potente que defensa os nosos intereses alí onde se toman as decisións que nos afecten directamente, xógase deixar atrás o agravio dunhas forzas estatais que din unha cousa aquí e fan a contraria en Madrid. Por iso, este 23 de xullo é o momento do BNG, é o momento de Galiza”, concluíu.
No mitin, o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, fixo fincapé na “urxencia” de que Galiza conte cun máis forza no Congreso para darlle voz e defender os intereses do País, cuestións como a tarifa eléctrica galega, frear o espolio eólico para poñer sobre a mesa un modelo enerxético xusto a favor da maioría social.
“Precisamos un grupo galego forte que defenda os dereitos do noso país, como unha tarifa que abarate a factura da luz as familias, á clase traballadora e ás empresas, que nos compense polos custes ambientais e sociais de producir electricidade”, indicou a modo de exemplo precisamente non concello, As Pontes, especialmente impacto por un deseño enerxético que nos penaliza pese a ser ricos en electricidade.
Fronte aos deputados e deputadas “que van a Madrid en representación do pobo galego e logo votan o que lles mandan os seus partidos con sede en Madrid, aínda que iso nos prexudique", advertiu, os deputados e deputadas do BNG son garantía. “Daremos o mellor de nós para defender Galiza e frear á dereita, todo iso sen deixar de aplicar e practicar unha esixencia máxima na defensa do País”, como se demostrou ao longo desta lexislatura: “Cando o BNG foi determinante, Galiza gañou; e iso non é unha opinión, son datos e cifras que se constatan nos orzamentos do Estado”, concluíu.