Ana Pontón: “É o momento de apostar por Galiza e polo BNG”
Ofrece “un proxecto común, solvente e cohesionado no que hai sitio para quen leve Galiza na cabeza e no corazón”. “Quero deixalo ben claro: temos as portas abertas”, proclamou
Arranque de campaña cun acto multitudinario e festivo, cunha militancia que encara as eleccións do 28A e do 26M convencida da remontada do Bloque
Fronte ás forzas estatais que nos discriminan, o BNG é garantía de defensa dos dereitos nacionais e sociais das galegas e muro contra a involución
O BNG arrancou a campaña cun acto de forza que congregou a 1.500 militantes e simpatizantes que abarrotaron o auditorio de Galiza sumando unha “enerxía colectiva” que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, está detrás “do avance imparable” dun Bloque que se presente ante a cidadanía cun proxecto político “sólido, solvente, cohesionado e coa a man tendida”.
“Quero deixalo ben claro: as portas do BNG están abertas a todas as persoas que queren forzas propias e neste proxecto común hai sitio para quen leve Galiza na cabeza e no corazón”, proclamou, no encontro nacional celebrado en Compostela. En medio dun ambiente festivo, Pontón convidou a “comprometerse e a participar desde a rebeldía e a esperanza” para garantir voz propia no Congreso e na Eurocámara, e para “fortalecer” desde os concellos “o camiño de cambio real” para o este país.
Ante unha militancia que durante o acto transmitiu entusiasmo convencida da remontada, a líder nacionalista pediu facer ouvidos xordos os que axitan a pantasma do medo e instou a votar con ilusión e confianza nas propias forzas.
“Os que usan a política do medo ou apelan ao voto do mal menor son os que queren que nada cambie”, denunciou, “votemos con convicción, esperanza e ilusión” tendo en conta que o 28A “a elección non está entre unha dereita votada ao monte e unha esquerda que non foi capaz de derrogar nin a LOMCE, nin a Lei mordaza, nin as contrarreformas laborais. A elección é Galiza si ou Galiza non. É nós dicimos Galiza si! É o momento de Galiza e de apostar polo noso, de apostar polo BNG”, proclamou.
Na súa intervención, lembrou que nun momento de cambio de ciclo o papel das nacións vai ser central e, por iso, é preciso recuperar voz propia tras unha lexislatura na que o país estivo desaparecido. “Se queremos ir no tren das nacións e do progreso temos que defendelo e para iso está o BNG, garantía de defensa dos intereses dos e das galegas sen ataduras nin subordinacións e, ao mesmo tempo, muro de contención contra á involución democrática. Ese é o valor dobre do voto ao Bloque, fronte á inutilidade das forzas estatais”, alegou.
Salto adiante electoral
Cun PP en caída libre que pon “nervioso” a Feixóo, Pontón pediu á militancia enfrontar as eleccións “sen autolimitarse”, pois fronte a un “recadeiro de Madrid” o Bloque demostra desde os concellos e as deputacións que hai outra maneira de entender a política: “Digo con orgullo, os nosos gobernos municipais brillan entre a mediocridade”.
“En tempos de fin de ciclo, de profunda crise económica, política e social, de confusión, de individualismo feroz, de xiros á dereita extrema e de capítulos propios da vida de Bryan”, ironizou, “emerxe con forza o BNG, con solidez e claridade de ideas, e por iso moita xente está mirando cara nós como a esperanza dun futuro mellor. Estamos nunha moi boa situación para dar un grande salto adiante, fagámolo posible”, concluíu.
Os candidatos e as candidatas ás eleccións ao Congreso, municipais e ao Parlamento Europeo foron desfilando polo escenario nunha sucesión de intervencións que provocaron a emoción, o orgullo e o bo humor dunha militancia entregada que replicaba con aplausos cada discurso. Tamén o dunha emocionada Ana Pontón que concluíu cunha apelación a facer posible esa paso adiante do BNG o 28 de abril e o 26 de maio.
Conducido polos artistas Isabel Risco e Quico Cadaval, o encontro nacional abriu coa intervención da candidata a Eurocámara, Ana Miranda, para dar paso os discursos das alcaldesas de Allariz e Moaña, Cristina Cid e Leticia Santos, seguidas das cabezas de lista pola Coruña (Francisco Jorquera), Lugo (Rubén Arroxo), Ourense (Luís Seara), Pontevedra (Miguel A. Fernández Lores), Santiago (Goretti Sanmartín), Ferrol (Iván Rivas) e Vigo (Xavier Pérez Igrexias). E das persoas candidatas ao Congreso, Nestor Rego pola Coruña, Maite Ferreiro por Lugo, Iago Tabarés por Ourense, e Carme da Silva, por Pontevedra.