Ana Pontón á mocidade: “O galego é útil para todo, incluído facer trap e o reguetón”
BNG propón unha mesa con todos os axentes implicados para un novo marco no ensino que poña fin á política lingüicida do Goberno de Feixóo
O 40% do alumnado castelanfalante escolarizado baixo o decreto da vergoña remata a educación obrigatoria sen dominar o uso do galego
A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita á Real Academia Galega (RAG) onde mantivo un encontro co presidente, Victor Freixanes, e membros da comisión executiva, que aproveitou para compartir análise sobre a situación do galego tras anos de aplicación do decreto da vergoña.
A líder nacionalista está convencida de que o galego ten futuro revertendo as políticas “lingüicidas” do Goberno de Feixóo e logrando que avance entre a xente moza, a quen fixo unha apelación directa: “Quérolle dicir a mocidade que o galego é útil para todo, para relacionarse, para xogar, para comunicarse, para ligar, para trapear, para o reguetón”, recalcou, consciente do papel que xoga a música entre a mocidade, “o galego válenos para todo e está na man dos mozos e mozas dar o paso”.
Pontón tamén puxo en valor o papel das persoas neofalantes, “que son motivo de esperanza”, -dixo-, nun momento en que as políticas contra o galego do PP “levan ao idioma a unha situación crítica pero á que se lle pode dar a volta sempre que haxa vontade en apostar pola normalización da nosa lingua en todos os ámbitos”.
No encontro abordouse a repercusión que está a ter no ensino a aplicación do chamado decreto da vergoña. Neste sentido, un estudo realizado pola propia RAG arroxa datos alarmantes como que o 40% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego, sobre todo á hora de falalo.
“Un PP ao que se lle enche a boca falando de liberdade, no caso da lingua o que provocan as súas políticas é privar a miles de mozos e mozas da liberdade de poder escoller o idioma que queren utilizar posto que dificilmente se vai optar por unha lingua que non se domina”, alegou Pontón.
Na práctica, denunciou, “iso significa frear o uso do galego e significa incumprir o Estatuto e a Lei de normalización lingüística que di con claridade que é obriga do sistema educativo conseguir que os nenos e as nenas acaben a súa escolarización obrigatoria co mesmo dominio das dúas linguas pero, a día de hoxe, iso non se cumpre no 40% do alumnado que ven dun entorno castelanfalante”, explicou Pontón.
A líder nacionalista urxe a cambiar esta situación derivada da aplicación do decreto da vergoña no ensino e por iso o BNG propón a posta en marcha dunha mesa, integrada por todos os sectores e axentes sociais, para articular unha nova política lingüística no ensino capaz de frear a desgaleguización dos últimos anos e, por contra, favoreza o avance do idioma do País.
“O galego ten que se lingua vehicular no ensino”, recalcou Pontón, sen esquecer a importancia de ter referentes en galego, en particular para as novas xeracións, “referentes no social, no ámbito deportivo ou nos medios públicos de comunicación que deben apostar por unha canle en galego para o público infantil e xuvenil con contidos específicos”.
Pontón agradeceu á dirección da RAG a posta en común e a análise sobre a situación do galego, así como o intercambio de valorizacións sobre os retos de futuro para a lingua co compromiso de que o BNG “seguirá facendo todo o posible para que o noso idioma avance, en particular entre a xente moza”, concluíu, tras unha xuntanza na que tamén participou a portavoz parlamentaria de Lingua e Cultura, Mercedes Queixas, o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera, e a concelleira Avia Veira.