europeas 2024

Pontón e Miranda piden concentrar no BNG o voto das persoas que queren darlle voz a Galiza en Bruxelas e unha Europa da paz

Acto Santiago de Compostela
Animan a unha gran mobilización coa “candidatura de País” que representa o Bloque porque é a única garantía na defensa das e dos galegos na Unión Europea

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista, Ana Miranda, fixeron un chamamento a unir na papeleta do BNG todo o voto das persoas que queren que Galiza teña unha voz propia en Bruxelas e tamén queren construír outra Europa posible, unha Europa social, dos pobos e que traballe pola paz.

“Somos a candidatura de País, a que defende os intereses de Galiza nunha Europa na que nos xogamos moito”, afirmou Pontón no peche de campaña das eleccións europeas, para animar á cidadanía a usar o “poder do voto” enchendo as urnas de papeletas do BNG este domingo, 9 de xuño, para que “Galiza teña unha voz propia” e, ao tempo, “defender unha Europa decente, social, xusta e da paz”.  

Acto Santiago de Compostela

A líder nacionalista reafirmou o compromiso do Bloque na defensa dos sectores produtivos, das infraestruturas, dos servizos públicos, dos dereitos sociais, da vivenda, do futuro da mocidade ou dos avances das mulleres desde o feminismo porque Galiza ten problemas, necesidades e retos que deben ser atendidos e defendidos, como fixo o BNG fronte ás forzas estatais que nesta campaña “dimitiron de atender” os problemas e demandas que son importantes para o País.

“Falamos da Galiza que queremos e que imos defender en Bruxelas, pero tamén da Europa que queremos e imos construír, unha Europa antifascista, antimilitarista, social, xusta, decente e da paz”, proclamou xunto a Ana Miranda no mitin final de campaña celebrado en Santiago, no que tamén participaron a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e Bieito Lobeira, integrante da candidatura.

A portavoz nacional incidiu en que a formación nacionalista empregou esta campaña electoral para explicarlle á cidadanía as súas propostas en defensa do dereito que ten Galiza a producir e a decidir sobre os asuntos que lle afectan directamente, a usar os recursos naturais para crear riqueza e emprego no País e a estar no mundo dende a súa identidade, cunha lingua e cultura propias.

Acto Santiago de Compostela

“Só o BNG falou de Galiza e do que lle importa e afecta aos galegos e ás galegas”, recalcou logo de denunciar que PP e PSOE preferiran despistar coas súas liortas madrileñas para non ter que explicar por que defenden políticas que son contrarias aos intereses da cidadanía galega, como acontece coa PAC, coa política pesqueira común, co espolio eólico en beneficio dos lobbies enerxéticos ou co boicot a unha AP-9 galega e libre de peaxes.

Nunha cita coas urnas nas que Galiza “se xoga moito”, Pontón pediu unha gran mobilización e reiterou a chamada a concentrar “todo o voto galego e rebelde” na papeleta do BNG, porque é a papeleta “de todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón”, da mocidade que quere futuro, da xente do mar e do agro, das persoas que queren frear a “desfeita de Altri” e de toda a xente que, ao mesmo tempo, tamén quere unha Europa dos pobos, social, xusta e da paz.

Neste sentido, apelou a todas as persoas que xa confiaron no BNG noutras eleccións, pero tamén a aquelas que aínda non o fixeron, para que Galiza teña unha voz firme e constante en Bruxelas da man de Ana Miranda. “Non imos fallar nin na defensa de Galiza, nin na defensa dunha Europa mellor”, concluíu.

A voz libre e sen intermediarios de Galiza en Europa

A cabeza de lista, Ana Miranda, comprometeuse pola súa banda a seguir sendo dende o escano do BNG a voz que defenda en Europa os intereses de Galiza, a voz -dixo- libre e sen intermediarios que servirá tamén para defender a Europa social e da paz, a Europa que non mire para outro lado ante o xenocidio do pobo de Palestina.  

“Pido o voto para o BNG, para poder seguir sendo a voz de Galiza en Europa, para seguir defendendo as causas galegas e as causas xustas da Humanidade”, agregou Miranda, chamando así aos galegos e as galegas a protagonizar o domingo unha gran mobilización. “Temos que encher as urnas con ilusión, esperanza e alegría coa papeleta do BNG, para seguir traballando con forza por este País e ter unha voz galega en Bruxelas”, proclamou.

Miranda subliñou no mitin de peche de campaña o moito que se xoga Galiza este 9-X e lembrou, neste sentido, que tamén nas institucións comunitarias se deciden asuntos que afectan ao día a día dos galegos e as galegas. “Este domingo xogámonos que en Bruxelas se fale dos temas galegos, das preocupacións da nosa xente do mar e do agro, das persoas que non chegan a fin de mes, das persoas desafiuzadas, das que non reciben atención médica e de todas as que sofren os recortes do Goberno do PP”, puxo como exemplo.

Recalcou, neste sentido, que o BNG é “a garantía de ter unha voz propia en Europa” para defender os intereses do País, “porque queremos vivir na nosa terra, porque non queremos emigrar, porque queremos ter unhas condicións de vida dignas e porque non queremos ver como a nosa mocidade, o noso mellor talento, ten que marchar ante a pasividade do goberno galego”, subliñou, para comprometer así todo o seu empeño en contribuír dende o escano do País, que é o do BNG, a mellorar vida dos galegos e as galegas.  “Se non o facemos nós, non o fará ninguén”, rematou.