Ana Pontón: “O meu compromiso é liderar un goberno a favor de Vigo que debe ser o motor industrial e tecnolóxico de Galiza”
Luís Bará, convencido de que Vigo será clave na derrota do PP e para abrir un tempo novo cunha muller, feminista e nacionalista na Presidencia da Xunta
Entre as prioridades: Plan industrial, apoio ao sector naval, medidas contra a deslocalización, revitalizar o Porto e saldar a débeda en materia sanitaria
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou a candidatura de “excelencia” do BNG en Vigo que encabeza Luís Bará, unha lista da que tamén forman parte Montse Prado, Alexandra Fernández, Manuel Lourenzo, ou Carmela González, exemplos de “compromiso” para lograr o cambio galego o 5A da man do BNG.
“Saímos a ganar o partido porque queremos facer historia para que, por primeira vez, Galiza teña unha presidenta muller nacionalista coas mans libres para defender este país. Non son tempos nin de maiorías absolutistas nin de sucursalismos. E o tempo dun cambio galego da man do BNG”, declarou Pontón, quen aproveitou o acto para expresar o seu compromiso con Vigo.
“O meu compromiso é liderar un goberno a favor desta cidade para que Vigo acade todo o seu potencial, que coloque Vigo no lugar que lle corresponde como motor industrial e tecnolóxico de Galiza. O cambio galego significa colaboración, respecto, entendemento, sumar, significa investimentos a favor de Vigo. Ese é o meu compromiso e con ese obxectivo saimos a por todas o 5A, porque nin Vigo, nin Galiza, merecen menos”.
Unha idea na que insistiu Bará convencido de que a cidade olívica vai xogar un papel determinante na derrota do PP. “Queremos abrir un tempo novo de esperanza co protagonismo e o liderado de Vigo, unha cidade que debe ser a grande metrópole atlántica, un grande polo industrial cultural e tecnolóxico para impulsar Galiza cara o futuro”.
Bará subliñou que Vigo vai ser chave na derrota do goberno absolutista e inútil do PP, xa que hai moitas razóns –afrontas- á cidade para desaloxar aos populares da Xunta. “O mellor antídoto contra as políticas centralistas, antisociais e inxustas do PP é o BNG, así co recoñece o propio Partido Popular cando transmite ese medo a que chegue un goberno presidido polo BNG”, alegou.
Bará avanzou unha campaña “animosa e en positivo” da man dunha candidatura de persoas “traballadoras, honestas, íntegras, comprometidas e con paixón por facer de Galiza un gran país”. “Sentímonos fortes, con moita xente que nos impulsa, cun BNG unido, cohesionado, aberto arredor dun liderado integrador, amábel, e atractivo como o de Ana Pontón, unha das nosas fortalezas”, salientou.
No plano das propostas, a candidata á Presidencia fixou unha exposición das medidas que forman parte do programa de goberno do BNG para Vigo e área de influencia, cun enfoque dunha cidade motor industrial e tecnolóxico.
Centro de reparación naval
Entre elas, un plan de reindustrialización que free a perda de emprego no sector industrial co naval como peza clave, coa intervención pública para salvar estaleiros emblemáticos como Barreras ou Vulcano. A creación dun centro de reparación naval na Ría de Vigo e tamén un obxectivo do Bloque para facer realidade nesta lexislatura.
O sector de automoción forma parte do ADN de Vigo, explicou Pontón, por iso o programa de goberno inclúe medidas para frear a deslocalización de empresas do cluster do automóbil cara Portugal. Outra media prioritaria é converter Vigo na capital galega da innovación, en I+D+i, man a man co sector público, co sector privado e coa Universidade.
Igualmente, potenciar o Porto como polo de desenvolvemento económico e de creación de emprego e fundamental un plan de revitalización do comercio local, nunha cidade na que o comercio de proximidade formaba parte integral da súa identidade.
100% sanidade pública
Pontón tamén se referiu o seu compromiso para “saldar a débeda” coa cidade en materia de sanidade pública. Vigo merece un hospital de referencia 100% de xestión pública e tamén un impulso contundente á atención primaria, -“non esquecemos que foi aquí a dimisión colectiva dos xefes e xefas de servizo dos centros de atención primaria-”, indicou. Neste sentido, o programa do BNG inclúe un plan extraordinario de 200 millóns de euros para acabar coa precariedade e a falta de medios
Finalmente, facer realidade a área metropolitana estancada pola loita partidista PP-PSOE. “A confrontación estéril resta e a colaboración leal que propón o BNG suma, e forma parte do cambio galego que queremos liderar”, alegou Pontón.
“Animo a todos os vigueses e viguesas, a toda as persoas que queren un cambio real, que queren deixar atrás a Galiza en branco que aposten polo BNG, que aposten por algo diferente, por facer historia cun goberno liderado por unha muller, feminista e nacionalista coas mans libres a favor de Galiza”, concluíu.