Ana Pontón: “O medo é libre, mais agardo que Feixóo non se esconda e acepte un debate nos medios públicos”
Destaca que o BNG “ten as portas abertas” para todas as persoas que leven a Galiza “na cabeza a no corazón”, cun proxecto unido e coherente fronte á “desfeita” do PP e o “lío” por cotas de poder
O BNG considera un dereito un debate ao máximo nivel no que cada forza política explique aos galegos e as galegas cales son as súas propostas para este país. Por iso, a formación nacionalista confía que o PP non vete un debate que reclamou con éxito cando estaba na oposición.
“Entendo que o medo é libre, pero espero que Feixóo non se esconda, que dea a cara e que podamos ter un debate nos medios públicos”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, a preguntas dos medios. A sociedade ten dereito a saber as propostas de cada forza política “e que mellor maneira que un debate ao máximo nivel nos medios públicos, penso que o PP non debería negarse, a non ser que Feixóo queira esconderse porque ten medo dos debates na TVG”, recalcou.
Tras lembrar que en 2008 o presidente do PPdeG facía esta proposta desde a oposición, -que se materializou nun debate cos máximos dirixentes do PP, PSOE e BNG-, Pontón espera que Feixóo non pasase de ser “o campión dos debates” a esconderse dos debates.
A líder nacionalista rexeitou a utilización de termos como “desesperada” ou “necesitada” cos que desde as filas do PP responden a unha proposta netamente política. “Non sei porque a unha muller cando está en política teñen que facerlle ese tipo de cualificativos que non fondo destilan machismo e falta de respecto, desde a prepotencia e a soberbia coa que actúa o PP”, criticou.
Quen “necesita” que se fale e se debata sobre os problemas de Galiza “é a cidadanía deste país”, recalcou, tras comprobar na pasada lexislatura o “pasotismo olímpico” das forzas estatais. “Agora que estamos en campaña o único que lle preocupa ao PP é colocar a Casado na Moncloa e tratan os galegos e as galegas como mercadoría electoral”, denunciou.
Interpelada pola conflitividade noutros partidos, Pontón rexeitou valorar “os líos internos” doutras forzas e contrapuxo esas loitas de poder co proxecto “sólido, unido e coherente” do BNG “que ofrece unha alternativa para evitar repetir o desta lexislatura, a discriminación a Galiza, primeiro co PP da man de Raxoi e despois co PSOE da man de Sánchez co apoio de En Marea-Podemos”.
“Temos as porta abertas para todos e todas que desexen unha alternativa á desfeita do PP e para todas esas persoas que están cansadas do lío en que algúns converten a política con loitas internas de cotas de poder. Como sempre dixen e recalco, o BNG ten as portas abertas para todas as persoas que teñan a súa cabeza e o seu corazón neste país”, salientou Pontón.
Alternativa a favor do país
A dirixente nacionalista salientou que o BNG cometeu erros dos que aprendeu, pero que nunca se equivocou en saber de que lado estaba. “Temos aprendido dos nosos erros, pero no que nunca nos equivocamos foi de que lado estábamos e sempre estivemos en Madrid para defender os intereses deste país”.
Como exemplo, os 2.000 millóns de euros de investimento do Estado que lograba Galiza cando o Bloque era determinante no Congreso, fronte ao recortazo do PP primeiro e do PSOE despois, cuns orzamentos apoiados por En Marea-Podemos.
“Estou convencida que no medio deste lío hai moitas persoas que están mirando cara o BNG porque ven en nós unha forza política sólida, unida e coherente que representa unha alternativa que defende os intereses nacionais e sociais de Galiza”, concluíu.