Ana Pontón: “Máis que nunca debe ser o Parlamento no que a cidadanía se sinta representada e lle aporte solucións”
Propón traballar con “ambición de país” nos asuntos que máis preocupan “poñendo no centro da acción política a vida das persoas”
A improvisación no inicio do curso, que ten en vilo a miles de familias, “deixa espido a un Feixóo incapaz de liderar a resposta á crise”, critica
O BNG pide reducir ratios, ampliar profesorado e fondo extraordinario para garantir servizos clave para a conciliación como comedor e madrugadores
Arranque formal da XI Lexislatura no Parlamento marcada pola pandemia ou, como subliñou a portavoz nacional, Ana Pontón, “marcada polas graves consecuencias económicas, sanitarias e sociais da pandemia”, que requiren “máis que nunca que este Parlamento se converta no centro da vida política, sexa unha cámara na que a cidadanía se sinta representada e lle aporte solucións aos problemas que atravesan as súas vidas”.
Ese vai ser o empeño dos 19 deputados e deputadas do BNG, recalcou, “aportar solucións a miles de galegos e galegas preocupadas polo seu traballo, porque perderon o seu emprego, porque non saben se poderán manter en pé o seu negocio, preocupados pola saúde, polo inicio escolar dos seus fillos e fillas e por conciliar vida laboral e familiar. Esas son hoxe as grandes preocupacións da maioría social e dar solucións de futuro a todas esas cuestións centrará todo o noso esforzo”.
Pero para iso, Pontón considera que “hai que aspirar a moito máis que a relatos idílicos, -en referencia a intervención do presidente da Cámara, Miguel Santalices-, ou presumir de autogoberno tras dez anos sen que o Executivo de Feixóo conseguira nin unha soa nova competencia. Galiza se merece moito máis, merece que traballemos con ambición de país e poñendo no centro a vida das persoas e dos colectivos máis afectados pola pandemia a nivel sanitario, económico e social”.
Para a líder do Bloque, unha desas cuestións que preocupa ás familias, alleas ao arranque protocolario da XI Lexislatura é, en cambio, o inicio do curso escolar este xoves. “Miles de pais e nais están preocupadas ante a perspectiva de que os seus fillos e fillas van cruzar a porta de colexios e institutos mentres o goberno só ofrece improvisación, bandazos e falta de protocolos claros pese a ter desde o 14 de marzo para preparar á volta ás aulas”, salientou.
Pontón considera que esta improvisación “deixa espido a Feixóo que está demostrando incapacidade para liderar a resposta a esta crise, anticiparse e dar respostas claras ante unha cidadanía expectante por unha pandemia que segue a ser unha ameaza para a saúde”. A portavoz nacional ve incomprensible que entre as “grandes medidas” figure escoitar ao consello escolar 24 horas antes de empezar o curso ou que medidas que se anuncian un día ao seguinte se suprimen.
“Pedimos moito máis que titulares, pedimos medidas concretas e desde o BNG temos propostas para facer máis segura á volta aos centros nun curso que non vai ser convencional”, recalcou, citando tres cuestións inmediatas.
Empezando por reducir as ratios por aula como leva semanas reclamando a comunidade educativa; contratar máis profesorado porque haberá que habilitar máis aulas e mesmo dobrar turnos e habilitar un fondo extraordinario para garantir o servizo de comedor, de madrugadores e as actividades extraescolares a todo o alumnado, con independencia do centro no que estuden, porque son servizos básicos para garantir a conciliación de miles de pais e de nais, enumerou Pontón.
Como conciliar cun escolar en corentena?
“Estes servizos son esenciais para as familias pero a Xunta estase inhibindo”, denunciou, ao tempo que alerta sobre un encarecemento destes servizos que non sería asumible para as asfixiadas economías de moitos fogares. Segundo a información que nos facilitan as ANPAs poden darse incrementos do 40%, de aí o fondo extraordinario que reclama o BNG para os comedores, servizo de madrugadores e actividades extraescolares que hoxe xestionan as ANPAs ou os concellos cando é unha competencia da Consellería de Educación.
Pontón remataba a súas propostas para o curso escolar poñendo sobre a mesa unha situación que é previsible e que pode poñer en xaque a moitas familias: “que vai pasar se ante novos gromos hai nenos e nenas que teñen que gardar corentena, como van facer os pais e as nais para conciliar máximo nun momento no que non se pode perder o posto de traballo. Creo que Feixóo deber responderlle ás miles de familias que hoxe se fan esta pregunta e que ven con preocupación os bandazos e a improvisación dun goberno que demostra non estar á altura”, concluíu.