Ana Pontón: “Luís Seara impulsará en Ourense un novo modelo de cidade baseado nas persoas”

Presentación Luís Seara

Afirma que o Partido popular levou a Ourense á parálise cunha  oposición  instalada no espectáculo para agochar a súa falta de compromiso coa cidade

O  BNG tende a man a todas esas persoas que confían nun cambio e no futuro de Ourense

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe no acto de presentación das bases programáticas cara as vindeiras eleccións municipais celebrado na  cidade de Ourense.

A nacionalista, acompañada do candidato do BNG á Alcaldía, Luís Seara iniciou a súa intervención afirmando que é “tempo de soñar, crear e confiar nas nosas propias forzas para darlle unha nova oportunidade a Ourense”. É evidente, dixo, que todos os que nos levaron a este “desastre” non poden pilotar o cambio porque o seu goberno foi “a parálise e a desfeita”. Esta cidade tiña que ser o motor da provincia de Ourense, exercer o liderazgo, pero o PP levouna a un estado “catatónico”.

A diferencia dos outros, no BNG, recalcou Pontón,  temos confianza na cidade e contamos cun proxecto claro e unha “equipa liderada por Luís Seara”, disposta a dar o mellor de si mesma”. A portavoz do BNG tendeu a man a todas ás persoas que confían no cambio e noutro futuro para Ourense.

Somos a alternativa para transformar  a realidade e mellorar a vida das persoas: “facémolo en Allariz, estámolo demostrando en Baños de Molgas e noutros concellos como Verín ou Viana do Bolo” e podemos facelo tamén en Ourense onde o BNG será o motor dunha nova etapa para a cidade, explicou.

“Queremos un Ourense que  reforce a nosa identidade e autoestima como galegas e galegos,  comprometido co público, coa garantía dunha  boa xestión de cada euro que sae do peto das cidadás”.

“Queremos un Ourense feminista”, onde a igualdade de xénero sexa elemento transversal das políticas públicas, queremos servizos públicos, calidade urbana, recuperar os espazos públicos para as persoas e superar a vella concepción das cidades como almacén de coches. Queremos un Ourense que poña en práctica os principios democráticos máis avanzados: radicalidade democrática, defensa dos dereitos colectivos e individuais,  a participación social e o  laicismo.

“Que o BNG avance en Ourense, será a mellor forma de conseguir estes obxectivos”, concluíu.

O BNG QUERE CONVERTER A CIDADE DE OURENSE NUN REFERENTE DE VANGARDA  

O candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Luís Seara manifestou que é o momento de deixar atrás “o peor goberno municipal” e encetar unha nova andaina cun goberno dedicado a resolver os problemas dos veciños e veciñas. Neste sentido, lembrou que Ourense é a única cidade, das 7 grandes, que non foi quen de aprobar o orzamento, poñendo en risco a supervivencia de entidades sociais, culturais e deportivas, un concello que paga tarde aos provedores, con concesións municipais caducadas e sen un plan de urbanismo que está a condicionar o desenvolvemento social e económico.

Neste contexto, dixo, o BNG é “a única forza nacionalista que se presenta ás eleccións” cun proxecto pensado dende a cabeza e o corazón, unha forza xenuína do País, sen ataduras nin dependencias porque a nós, dixo, “ninguén nos ten que dicir nada dende Madrid, ninguén nos vai dicir que podemos e que non podemos facer”.

Seara recalcou que ao BNG non ten medo “aos retos” porque xa temos experiencias para enfrontalos con “valentía e decisión” como fixemos noutros concellos onde gobernamos ou co gobernamos “xestionando ben os recursos para todos os veciños e veciñas”. Allariz,  Castrelo, Molgas, A Mezquita, Viana,  cogoberno en  Barbadas, Verín ou  A Rúa, son un claro exemplo.

O candidato nacionalista á alcaldía de Ourense destacou o traballo e compromiso de moitas persoas do BNG ao longo destes anos que cualificou  de “determinante e decisivo” para a política institucional e social. Neste sentido, lembrou que grazas a ese traballo existe un Campus universitario en troques dun Alcampo nas Lagoas ademais do acceso ao Centro da cidade e o traspaso do hospital provincial ao Sergas.

Queremos poñer en marcha en Ourense un novo  modelo  de cidade que funcione e sexa referencia dentro e fora das nosas fronteiras. “Un proxecto,  integral, integro, integrador e integrado” para mellorar a  calidade de vida dos veciños e veciñas con outro modelo urbanístico, iniciativas para xerar  emprego  e contra a exclusión social, un plan estratéxico Termal para converter Ourense na “Capela sixtina” do termalismo da Península Ibérica, potenciar os produtos ecolóxicos e de calidade, investir na industria cultural, crear o consello municipal da discapacidade, apostar pola mobilidade e humanización dos espazos públicos, e “non mirar para outro lado ante a contaminación do Barbaña”.

Luís Seara avanzou que o BNG traballará no concello para abrir as portas da praza de Abastos da Ponte, converter en pulmón verde a Finca Santamariña e abordará coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil un plan para rehabilitar os cauces do Barbaña e Loña.

“Ourense debe ser referente do Sul de Galiza e Norte de Portugal” e o concello co BNG será a punta de lanza da “vangarda”, a cabeza tractora que tire das demandas para rematar a autovía, Celanova-fronteira portuguesa, autovía a Lugo, conexión con Ponferrada e a chegada do AVE, a través da variante Exterior.

“Ese é o Ourense que queremos, o Ourense que arelamos. Unha cidade dinámica, solidaria, sustentábel, próspera, amable e chea de vida”.

 

Estou convencido de que coa vosa axuda farémolo posíbel, concluíu.