Ana Pontón: “Luís Seara é garante do cambio político que necesita a cidade Ourense paralizada polo PP”

Presentación candidato Ourense

Afirma que o BNG aposta por un proxecto de país e políticas que melloran a vida dos veciños e veciñas como xa fixo en Allariz, Baños de Molgas, Verín, Viana do Bolo, Castrelo de Miño ou a Mezquita

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou hoxe no acto público de presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara do que destacou o seu compromiso para impulsar o cambio de rumbo político nunha cidade que o Partido popular conduciu á “parálise”.

Acompañados de máis de trinta cargos institucionais, militantes e simpatizantes, a portavoz nacionalista e ao candidato compareceron  antes os  medios de comunicación manifestando  que o BNG presentase á cita electoral cun grande reto: “Deixar atrás tres anos  perdidos na única cidade de Galiza sen orzamentos e cun goberno incompetente que é parte do problema e polo tanto, non pode ser parte da solución”.

Pontón recalcou que o  cabeza de lista do BNG, Luís Seara  e as persoas que o acompañarán na candidatura darán o  impulso necesario  ao concello para convertelo nun concello “vivo e dinámico”.

Estamos vivindo tempos complexos e, hoxe máis que nunca, fronte á política líquida son necesarias “organizacións cohesionadas, unidas e  solventes” con principios para recuperar o verdadeiro sentido da política polo que agradeceu ao candidato “o seu grande compromiso co interese xeral”.

Tras presentar ao candidato como un político que leva a Ourense no corazón e coñece a cidade,  os seus problemas e necesidades, afirmou que Seara é unha persoa “integra, traballadora e dialógante”, e que levará ao concello o dialogo que faltou durante estes anos en Ourense, caracterizados pola “arrogancia política local”.

O BNG APLICA POLÍTICA DE SERVIZO PÚBLICO NOS CONCELLOS

Para a portavoz do BNG, o Partido popular levou á parálise a Ourense durante tres anos que se converteron en “tres anos en branco”. A situación social, demográfica e anímica  de Ourense, afirmou,  é o mellor retrato das políticas do Partido popular así como o despoboamento, a crise económica, a falta de emprego e iniciativas para unha  cidade e  provincia na que o Partido popular  representa “un partido corrupto, con dinastías familiares e ao que só lle interesa ter o poder”.

O PP REPRESENTA PASADO E DINASTIAS

Fronte este Partido popular que representa o pasado, “o BNG é a alternativa que entende a política como servizo público, cun proxecto para o  país, e para Ourense” como xa  levamos demostrado en Allariz, en Castrelo, na Mezquita, en Barbadás, Verín, Viana ou  Baños de Molgas. “Un proxecto que mellora a vida dos concellos e para  construír un país mellor”. Conseguímolo noutros lugares e tamén  queremos facelo en Ourense porque queremos ser “o motor dese cambio”. No BNG aprendimos “dos acertos e dos erros” e queremos un Ourense que reforce a  nosa autoestima como galegos e galegas, “un Ourense comprometido coa xestión pública, no que sexa erradicado calquera tipo de favoritismo, un Ourense feminista, que mellore a calidade de vida dos veciños e veciñas apostando pola calidade urbana superando a vella concepción das cidades como almacéns de coches e un Ourense que defenda os dereitos individuais e colectivos, con participación social e laicismo”.

O BNG leva máis de 30 anos aportando en positivo para Galiza e aportando en positivo para Ourense, concluíu Ana Pontón.

O BNG QUERE SITUAR  OURENSE NA SENDA DA MODERNIDADE

Na súa intervención, o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara  afirmou que o interese do BNG pasa por  converter Ourense “nun concello, vivo, dinámico e de referencia” e por iso eliximos  “unha equipa cohesionada e solvente”.

Seara asegurou que a sociedade ourensá é unánime á hora de cualificar de “paralizado e improdutivo” o actual goberno local. Neste contexto, que o PP presente ao mesmo candidato á alcaldía, asegurou, é indicativo de que no PP confunden o verbo ser co verbo estar e para nós, non é o mesmo estar no goberno que ser goberno porque no primeiro caso ocupas unha institución pero no segundo exerces unha responsabilidade, explicou.

Para o candidato nacionalista, o actual goberno foi “irresponsable, arbitrario, insolvente para xestionar e en conxunto deixa peor a cidade do que a atopou”. O BNG non se asusta ante os retos, e hoxe máis que nunca, recalcou  “estamos ante un tempo novo e coa convicción de iniciar un  novo punto de partida para Ourense”.

Seará insistiu na necesidade dun cambio de rumbo político para “rachar a inercia actual” e ese cambio o dará o BNG con anos de experiencia na oposición e no goberno municipal cun balance de ideas e proxectos que significaron unha verdadeira transformación para o concello. “Temos o aval do noso traballo político noutros concellos convertidos en referentes en Galiza e mesmo fora das nosas fronteiras”. “Nós somos goberno, non só estamos nel” e representamos iniciativa. Ourense non pode permitirse outro mandato como o actual. A candidatura do BNG será “o motor do cambio” que definimos como proxecto das catro ies, “integral, integro, integrador e integrado”. Integral  para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, integro na transparencia e relación coa cidadanía, integrador  porque se constrúe dende as persoas como centro  e para elas, e integrado cun proxecto de país.

“No BNG somos unha alternativa preparada e con solvencia para facer avanzar Ourense e queremos situalo na senda da modernidade e da prosperidade”.