Ana Pontón leva ao Parlamento a dimisión da dirección da CRTVG polo manipulación que sofre o medio público
Acusa a Feixóo de ser o máximo responsable do secuestro e da manipulación da radio e televisión de Galiza convertidos no cortijo do PP cun custe de 100 M€ anuais
Destaca o éxito da manifestación en defensa dos medios públicos e pide cambios inmediatos para deixar traballar en liberdade @s profesionais
Manifestación sen precedentes en defensa dos medios públicos de Galiza que para a portavoz nacional, Ana Pontón, debe traer cambios inmediatos que permitan acabar co “secuestro e a brutal manipulación” da radio e da televisión públicas, para deixar traballar en liberdade os e as profesionais e poñer os medios ao servizo da cidadanía.
“Temos unha radio e unha televisión públicas secuestradas polo PP e o secuestrador máximo ten un nome, Alberto Núñez Feixóo”, denunciou Pontón, “e ese secuestro e manipulación atenta contra a democracia porque non hai democracia real sen medios públicos plurais que informen do que está pasando, pero hoxe esa labor está absolutamente desvirtuado na RTVG”, argumentou.
“A manifestación ten que servir para que haxa un cambio que pasa en primeiro lugar porque dimita toda a dirección empezando polo director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e así o pediremos no Parlamento”, indicou Pontón. “Pero hai que ir a cambios máis profundos e por iso propoñemos acabar cos nomeamentos a dedo e pactar un concurso público para que a próxima dirección da radio e da televisión públicas sexa o resultado dun proceso no que prime a capacidade, a independencia e a profesionalidade das persoas que estean á fronte dos medios públicos”, avanzou.
Igualmente, o Bloque demanda que se poña en marcha o consello de informativos e se aprobe o estatuto dos e das profesionais. “Neste momento temos unha RTVG que está fora da lei incumprindo a súa propia normativa”, denunciou, por contra o ente público de comunicación está convertido “no cortijo do PP que pagamos os galegos e as galegas con cen millóns de euros cada ano”.