Ana Pontón lamenta que o Goberno do PP defenda intereses de partido e non os de Galiza na negociación do financiamento

Ana Pontón

Recrimina ao Executivo de Rueda a súa submisión a Génova e as alianzas con CCAA que avogan por criterios opostos aos intereses das galegas e dos galegos

Critica á Xunta a falta dunha posición ambiciosa de País que pasaría por un “trato singular” para Galiza que lle permitiría obter máis recursos

A portavoz nacional, Ana Pontón, lamentou que o Goberno galego non acuda á negociación do modelo de financiación “cunha posición de País a defender os intereses de Galiza”, senón cunha estratexia “subordinada ás directrices que lle mandan dende a rúa Génova”.

“En vez de defender os intereses dos galegos e das galegas están defendendo intereses de partido”, criticou a portavoz nacional dende Vigo, onde participou no acto de presentación da nova identidade visual de Galiza Nova.  

A preguntas dos medios sobre a posición da Xunta na reunión de hoxe do Consello de Política Fiscal e Financeira, Pontón considero que “o grave” é que o Goberno do PP “tampouco ten unha posición ambiciosa de País”, incapaz de presentar no Parlamento “nin un só documento sobre cales son os criterios que vai defender”.

“É máis, ten realizado certas alianzas con outras comunidades que defenden criterios que son opostos aos que lle pode interesar a Galiza”, recalcou, para advertir a continuación que a Castela e León, por exemplo, o criterio da dispersión xeográfica non lle resulta de interese. “É, polo tanto, unha contradición que teñamos un Goberno que non é capaz de defender os intereses do noso País”, incidiu.  

A líder nacionalista subliñou que o do financiamento é un “debate clave de cara ao futuro” no que “non se pode permitir que Galiza quede atrás”, menos como nacionalidade histórica que é. “Se o resto de nacionalidades históricas van a camiñar cara a ter un status singular, cremos que Galiza é quen máis o necesita”, afirmou logo de recordar que Euskadi xa conta cun cupo que lle permite recadar e decidir sobre os seus impostos, unha fórmula que Cataluña tamén está poñendo sobre a mesa.  

“Se alguén necesita un tratamento singular e mellorar a súa posición, esa é Galiza e creo que é a posición de País que habería que defender”, manifestou Pontón, que apelou a “unha posición ambiciosa” que permita aos galegos e galegas “ter máis recursos para atender as necesidades” da sanidade, da dependencia, do coidado do medio ou de todo o que ten que ver con mellorar o emprego.   

“Lamentablemente o que temos é a un Partido Popular que está na Xunta non para defender os intereses dos galegos e das galegas, senón os do seu partido desde as directrices que lle mandan dende a rúa Génova”, concluíu.