Ana Pontón e Iván Rivas suben ao bus en Ferrol para defender unha mobilidade que facilite a comunicación dos veciños e veciñas
O candidato compromete a constitución dunha empresa pública de transporte para mellorar a mobilidade para toda a veciñanza do concello
A líder do BNG destaca que Rivas é o alcalde capaz de darlle a Ferrol a transformación e a calidade de vida que a cidade precisa
A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Ferrol co candidato á Alcaldía Iván Rivas para abordar a situación de mobilidade da cidade, en concreto no relacionado con transporte público por estrada, moi deficiente, e para denuncialo fixeron un percorrido simbólico pola cidade en bus.
“A mobilidade é un servizo básico que se lle debe ofrece á cidadanía e, ademais, é un elemento fundamental para o dinamismo económico e social, porque sen boas comunicacións os concellos quedan illados e iso significa perder oportunidades e quedar atrás, lamentablemente é o que lle está pasando a Ferrol ante a incompetencia dos sucesivos gobernos municipais das forzas estatais”, indicou Pontón.
Ás carencias en transporte por tren que soporta esta cidade engádense o deficitario servizo de bus, insuficiente, sen rutas nin horarios adaptados ás necesidades da veciñanza.
Unha veciñanza que precisa dunha mobilidade do século XXI para ir a traballar, parar facer xestións administrativas, para desfrutar do ocio, etc, explicou a líder do Bloque.
Por iso, destacou, “o BNG ten un modelo municipal que aposta polo transporte público, por dotar aos concellos dunha mobilidade sustentable, moderna e adaptada ás necesidades da cidadanía e ese modelo de éxito, que pon ás persoas no centro, é o que queremos estender por toda Galiza a partir do 28 de Maio, tamén aquí en Ferrol, da man de Iván Rivas”. “ Porque temos proxecto, temos equipo e temos en Iván Rivas o alcalde que Ferrol necesita a partir do 28 de maio”, proclamou.
Pola súa parte, Rivas destacou que o BNG abordaba unha cuestión “que a propia Unión Europea deu en chamar a pobreza en mobilidade, para explicar que este proceso cara a neutralidade climática vai ter graves implicacións sobre todo para os sectores máis desfavorecidos. As cidades de máis de cincuenta mil habitantes temos unha especie de espada de Damocles sobre a cabeza, producto da esixencia de establecer zonas de baixas emisións”, indicou.
“E se ademais temos en conta que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de abrir un expediente sancionador produto das concesións que a Xunta fai en relación co transporte, neste caso da cidade de Ferrol e da comarca, ás concesionarias que o xestionan polo feito de repartirse o mercado, creo que temos unha responsabilidade evidente para garantirlle aos veciños e veciñas o dereito a mobilidade”.
“Sobre todo no ámbito urbano pero de maneira clara no ámbito rural onde o illamento das persoas que máis evidente. Xente que é probable que non poida acudir seu centro de traballo ou a estudar polo feito de carecer de recursos de mobilidade, e en Ferrol dende o ano 2009 até a actualidade, máis do 51% dos traxectos obrigados se están a facer en vehículo privado”, explicou.
Ferrol precisa, dixo, “a creación dunha empresa de transporte público municipal, que cumpra as obrigas que concellos coma este teñen cos veciños e veciñas, que poidamos establecer unha coordinación e colaboración co resto de concellos da comarca para garantirlle esa mobilidade e que desenvolvamos zonas de ben estar, no canto de zonas de baixas emisións, que provocan maior marxinación aos colectivos máis desfavorecidos”.
No BNG, indicou, “alegrámonos que por parte do goberno actual se rectifique e se empece a ter en conta esa necesidade de contar con esa empresa de transporte público municipal que desde hai tempo vimos exixindo desde o BNG comprometémonos de maneira contundente e clara na súa constitución a partir deste 28 de Maio”,concluíu.