Ana Pontón insta a PP e PSOE que acepten a tramitación urxente da transferencia da AP-9
Reclama “que non se rebaixe a lei do Parlamento galego” e proclama que a tramitación da transferencia “é o triunfo da tenacidade do BNG”
Ambos partidos avalaron o rescate das radiais madrileñas e a baixada de peaxes, pero en Galiza fan o contrario
A portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou a súa “satisfacción” despois de que o Congreso dese luz verde á tramitación da Lei de transferencia da AP-9, tanto como galega como polo traballo político da formación que lidera porque o paso dado onte na Cámara baixa, proclamou, “é o triunfo da tenacidade do BNG”, que nunca se rendeu no empeño de dar a Galiza “a capacidade de acabar coa estafa das peaxes e cos abusos de AUDASA”.
Superado o veto do PP á tramitación da lei, o Bloque reclama agora tanto a PP, -con maioría na Mesa do Congreso presidida pola deputada por Pontevedra Ana Pastor-, e ao PSOE, -agora na Moncloa-, que acepten a tramitación por vía de urxencia do texto aprobado por unanimidade en marzo de 2016 que, ademais da transferencia, recolle tamén o rescate desta autoestrada.
“Non se entendería que agora PP e PSOE pretendesen rebaixar o contido da lei e quitarlle a Galiza a competencia do rescate da AP-9, porque nada cambiou para que o que lles valía en 2016 non lles vala agora”, indicou Pontón, quen se mostrou preocupada polas intervencións de populares e socialistas no debate no Congreso.
“Os textos posteriores aprobados pola Cámara galega estaban motivados unicamente para sortear un veto, -de Pastor e Raxoi coa complicidade de Feixóo-, que agora non existe, entre outras cuestións porque o propio Tribunal Constitucional ditaminou a súa ilegalidade, argumentou.
O Bloque xa conseguiu o apoio das forzas nacionalistas para que a tramitación da lei se faga por urxencia, tras a rolda de contactos mantidas no Congreso no marco do debate. Unidos-Podemos manifestouse tamén a favor desa opción e agora depende da Mesa que preside Ana Pastor.
En paralelo, Pontón reclama a Feixóo que dea pasos cara axilizar a xestión galega da APA9 a través da comisión bilateral de transferencias Xunta-Estado “que actúe como presidente de Galiza e deixe de comportarse como comentarista da realidade”, demandou tras o último anuncio de subidas nas tarifas da autoestrada.
Neste sentido, a dirixente do Bloque recordou que tanto PP como PSOE “avalaron o rescate das radiais madrileñas, e agora a rebaixa nun 30% das peaxes destas infraestruturas”. Mentres, “neste país fan xusto o contrario, néganse a ese rescate e agora como aguinaldo de Nadal anuncian unha nova subida nas peaxes da AP9 que xa son unha estafa legalizada”, concluíu.