Ana Pontón insta a participar e a votar “desde o corazón, con ilusión e confianza” para ter voz propia
Néstor Rego recalca a importancia deste momento político e anima a participar sabendo que cada voto pode ser decisivo para construír “un futuro mellor”
A portavoz nacional, Ana Pontón, exerceu o seu dereito ao voto ás 9.30 horas na mesa electoral do CGAC en Santiago, e pouco despois o facía o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, no CSC de Figueiras, tamén na capital galega.
Ambos apelaron ao momento “excepcional” e instaron a unha participación masiva “desde a ilusión e a confianza” para recuperar voz propia e pensando na Galiza que queremos.
“É unha xornada importante na que os galegos e as galegas nos xogamos moito e animo a todo o mundo a participar, a votar con liberdade, a estar nas urnas porque este 28 de abril decidimos o noso presente e o noso futuro”, salientou Pontón tras depositar as papeletas, “animo a votar pensando en que Galiza queremos vivir, se queremos que este país teña voz propia, que futuro queremos deixar os noso fillos e as nosas fillas”.
A líder do BNG salientou que estamos “nun momento excepcional” no que é importante que a cidadanía exprese a súa voz nas urnas: “Que esta sexa unha xornada na que se vote con liberdade, que transcorra con normalidade e animar a todo o mundo a que exprese a súa voz nas urnas nun momento no que nos xogamos moito”.
Na mesma liña, Rego fixo fincapé na importancia que ten para Galiza esta xornada electoral.
“Hoxe estamos dando voz ao pobo galego e temos a certeza de que non a vai perder nunca máis, e quero animar a todo mundo a participar sabendo que o voto de cada unha das persoas pode ser decisivo, que cada papeleta pode contribuír a construír un futuro mellor para o noso país e que é preciso que Galiza se faga sentir e que teña voz propia. Iso podemos conseguilo co noso voto e espero que haxa unha alta participación e podamos mudar as cousas en positivo para este país e para a súa xente”, concluíu.
Tras a votación, Pontón e Rego realizan un percorrido visitando mesas electorais para saudar a todas as persoas, apoderados, simpatizantes, militantes que hoxe contribúen a que a xornada electoral transcorra con normalidade. Pola tarde haberá unha reunión da Executiva nacional, que fará o seguimento dos resultados desde a Nave de Vidán, en Compostela, executiva da que forman parte o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, e a candidata por Pontevedra, Carme da Silva.