Ana Pontón insta ás mulleres galegas “a rebelarse nas rúas e nas urnas” contra o discurso “neomachista”
Destaca que os concellos BNG son “aliados” das mulleres e avanza propostas para fomentar a igualdade desde a contratación pública
Encontro feminista de alcaldesas, tenentes de Alcaldía, concelleiras, deputadas provinciais e candidatas ás eleccións locais para reafirmar a idea de que os concellos liderados polo BNG son “concellos aliados das mulleres” que levan a igualdade no seu ADN político e así o demostran nos gobernos municipais.
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o encontro para facer un chamamento a plantar cara ante a virulenta reaparición dun discurso “neomachista” da man da dereita españolista. “Queren facer negacionismo da violencia de xénero, queren a volta das mulleres ao fogar e mesmo volven negar o dereito persoal e intransferible de decidir sobre se queremos ou non ser nais e de decidir como, cando, e con quen”, recalcou.
E ante esta onda involucionista en termos de igualdade, pide ás mulleres rebelarse aproveitando as datas do 8 de marzo e os comicios do 26 de maio.
“Son tempos de rebelarnos na rúa e nas urnas como mulleres e como feministas galegas. Na rúa cunha participación masiva na manifestación do 8M, e nas urnas para, a través do voto, dicir que non imos permitir nin un só paso atrás nos nosos dereitos”, argumentou Pontón, “para avanzar necesitamos ser moitas neste 8M e moitas nas urnas apoiando forzas políticas como o BNG que leva a bandeira da igualdade e do feminismo”.
Neste sentido, a líder nacionalista avanzou que o Bloque apoiará a manifestación así como a folga laboral e de servizos prevista para o Día internacional da Muller e, de cara aos comicios locais, avanzou propostas do programa electoral a favor da igualdade. Entre elas, evitar que nin un só euro público se destine a empresas que discriminan ou precarizan ás mulleres.
Para iso, estableceranse criterios para que a través da contratación publica se promova a igualdade con plans específicos nas empresas, medidas que favorezan a conciliación, representación equilibrada de mulleres nos cadros de persoal ou apostando por dar estabilidade ao emprego feminino.
Pontón salientou que o Bloque xa predica co exemplo e destacou o seu orgullo por liderar unha organización “que ten incorporado o feminismo nos seus principios políticos desde hai décadas” e que é un exemplo de participación das mulleres.
Sen ir máis lonxe, o feito de ser unha das escasas forzas en todo Estado que ten unha muller á cabeza, pero tamén un grupo parlamentario cun 66% de mulleres, unha executiva nacional con maioría feminina e que, de novo, volverá ser a forza galega con máis presenza de mulleres liderando candidaturas nos comicios municipais.
Precisamente unha delas, a actual alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, proclamou a “maneira diferente que o Bloque ten de gobernar desde os concellos, precisamente porque miramos o mundo cos ollos da igualdade e colocamos esta cuestión como unha política transversal imprescindible para mellorar a sociedade”.
O goberno de Moaña xa iniciou o camiño para aplica moitas das medidas a favor da igualdade a través dos seus procesos de contratación públicos, explicou Santos, que foi rotunda ao afirmar que “o feminismo axuda a avanzar”.