Ana Pontón insta á mocidade a ser motor do cambio real e sumar para construír unha Galiza con futuro tamén para xuventude
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa participación no acto de homenaxe a Rosalía e Castelao organizado por Galiza Nova para facer un chamamento á mocidade galega a ser “motor” do cambio real que precisa este País, para construír unha Galiza con futuro “tamén e sobre todo para a xente moza, porque non hai futuro sen a mocidade”.
“Vós tedes a enerxía, a forza e o entusiasmo”, subliñou, “para mudar a Galiza da desolación pola Galiza da esperanza e nese reto podedes contar sempre con BNG”, proclamou Pontón en Santo Domingo de Bonaval que, un ano máis acolleu o acto de homenaxe, antes da ofrenda floral no Panteón de galegos e galegas ilustres.
Sodes a Galiza viva e dinámica e tedes que contaxiar a confianza ás persoas descridas na política
“Sei que hai un cambio político en marcha vinculado ao orgullo e á autoestima, á toma de conciencia de sermos un país rico, con recursos, que temos que poñer ao noso favor para crear riqueza e emprego. E vós mozos o mozas tedes que ser motor do cambio”, proclamou.
“Sodes a Galiza viva e dinámica e tedes que contaxiar a confianza ás persoas descridas na política, convídovos a dicirlles que o BNG é hoxe espazo de cambio e esperanza, a ofrecer o BNG como antídoto contra a decepción e o desencanto, a ofrecer o BNG a toda a mocidade para sumar forzas a favor doutra Galiza posible”, demandou.
A líder do Bloque mostrouse consciente de que son “tempos moi duros” para a xente moza, que soporta a precariedade do paro, dos contratos lixo con baixos salarios e que, en moitos casos, non teñen máis opción que coller as maletas como demostra os datos de emigración xuvenil, con máis de 200.000 galegos e galega menores de 35 anos que tiveron que marchar por falta de oportunidades nos últimos trece anos.
Unha mocidade galega que está á cola en emancipación, “porque as contas non saen”, lamentou Pontón, “porque os cartos non chegan a fin de mes cando o prezo do alugueiro é imposíbel de asumir, cando o traballo é precario ou, simplemente, non é”, destacou, subliñando uns datos que radiografía a difícil situación da xente nova.
No primeiro trimestre deste ano, a taxa de ocupación da mocidade entre 16 e 29 anos foi do 34,8%; a taxa de temporalidade, do 54%, e volve ser noticia a case imposibilidade de acceder a unha vivenda en moitas cidades, como Santiago de Compostela por exemplo, dada a carestía do mercado, con pouca oferta e a prezos impagables para moita xente moza ou para as súa familias.
“Independizarse é cada vez un proxecto máis complexo pola precariedade, os baixos salarios e o custe da vivenda ao que agora se suma a escalada inflacionista que ten disparado o prezo de artigos básicos. As contas son fáciles de botar e non dan”, indicou a líder do Bloque, quen lembrou o seu paso tamén por Galiza Nova, a organización xuvenil da formación nacionalista.
Mocidade revolucionaria
A pesar da vosa mocidade, recalcou, “tivestes que padecer xa dúas crises económicas e iso deixa pegada tamén na saúde, no estado de ánimo, nos proxectos de futuro, na capacidade para ser felices. Non nos podemos permitir que a tristeza se impoña. A mocidade ten que ser revolucionaria e iso significa saber que podemos darlle a volta á situación, crer en nós e traballar por conseguir mudar este país ancorado na parálise do PP. A mocidade ten que ser optimismo”, recalcou.
Temos que conseguir que nin un mozo e ningunha moza se vexa na obriga de emigrar para sobrevivir
Ao lado da mocidade galega, o BNG propón un Plan de emprego xuvenil que garanta a inserción laboral da xente nova, defende o incremento dun 15% das bolsas de estudo, aposta por unha política de vivenda que permita á xente nova desenvolver os seus proxectos de vida. “Temos que conseguir que nin un mozo e ningunha moza se vexa na obriga de emigrar para sobrevivir”, subliñou.
Pontón, destacou, quere unha Galiza que non lle furte a mocidade a ninguén, que non impida a xente moza “cumprir os seus soños, porque tendes dereito a ser felices”, por iso hai que poñer fin a esas políticas “que benefician a uns poucos e abandonan á maioría”. “Ese é o obxectivo, gañarmos o futuro porque hai unha nova Galiza en marcha e confío na mocidade para construír ese País mellor”, concluíu.