Ana Pontón insta á mocidade a ser “o motor do cambio que Galiza precisa da man do BNG no Congreso
Pontevedra acolleu hoxe un encontro do Bloque con xente moza e a portavoz nacional e a cabeza de lista ás xerais Carme da Silva
“No BNG imos lanzadas e desta imos ter representación en Madrid”, asegurou a candidata
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón instou hoxe á mocidade galega a ser “o motor do cambio que Galiza precisa, un motor do cambio para ter voz propia e atender as necesidades do país, da man do BNG no Congreso”. Pontón fixo estas declaracións en Pontevedra, acompañada da cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Carme da Silva, nun acto con xente moza do colectivo Galiza Nova no que puxeron en común as políticas do BNG e “propostas, inquedanzas e soños” de cara aos vindeiros procesos electorais coa mirada posta nas eleccións xerais do 28 de abril.
Pontón animou aos mozos e mozas do país a mirar cara o futuro con ilusión e subliñou que este non é “o momento do medo nin da política do mal menor”, senón o momento de implicarse, confiar nas potencialidades do país, e de apostar por políticas que desenvolvan os recursos propios para xerar riqueza e emprego sen ter que emigrar. “Se Galiza recupera a voz propia en Madrid o vindeiro 28 de abril, se o BNG está no Congreso, iso significará unha aposta de futuro para cambiar un guión que outros están a escribir pola mocidade de hoxe”, dixo Pontón, quen argumentou que ver como os mozos e mozas miran con desesperanza ao futuro é o peor balanzo que pode ter calquera sociedade e goberno.
Concerto económico e tarifa eléctrica propia
Como medidas a defender no Congreso dos deputados, Pontón sinalou que a mellor política de emprego para Galiza é un concerto económico propio que permita dispor de 3.500 millóns de euros anuais para investir na creación de máis postos na administración pública, na educación, na sanidade, e tamén na dinamización económica e na creación de emprego.
Pontón destacou que Galiza sofre a marcha e deslocalización de empresas sen aplicar medidas para frear a situación. Puxo sobre a mesa a proposta do BNG de creación dunha tarifa eléctrica galega para que a luz sexa máis barata no país, o que serviría para reducir os custes das empresas e tamén para loitar contra a pobreza enerxética. “Sería un incentivo para a instalación de empresas en Galiza máis importante que calquera rebaixa fiscal que puidera plantexar calquera goberno”, dixo, para engadir que dende Madrid PP, PSOE e tamén Podemos e En Marea vetan continuamente propostas que son beneficiosas para a reactivación económica de Galiza.
Pola súa banda, a cabeza de lista por Pontevedra para as eleccións xerais, Carme da Silva, asegurou que a mensaxe do BNG está a callar na sociedade galega, que reivindica unha voz propia en Madrid para decidir nas políticas do Estado e nos investimentos que recibe o país. “Cada vez son máis as persoas que nos fan sentir que estamos lanzadas, que desta vai, e que a partir do 28 de abril o Bloque Nacionalista Galego vai ter representación no Congreso dos Deputados”, dixo.