Ana Pontón insta a Feixóo a intervir as residencias privadas e evitar que volvan ser a zona cero da pandemia
“Como se explica que se había 6.000 rastrexadores a Xunta teña que recorrer ao Exército para facer as probas?”, interpela a portavoz nacional
O PP vetou unha comisión de investigación, que non vete as medidas que permitan salvagardar ás persoas maiores, reclama a líder do BNG
Con dous novos casos de contaxios masivos en residencias da terceira idade que suman máis de cen persoas infectadas en 24 horas, a portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que reaccione e interveña todas as residencias para asumir o control público e blindar estes centros cun obxectivo: evitar que volvan converterse na zona cero da pandemia como sucedeu na primeira onda, deixando un tráxico balance de vítimas, pois o 45% dos falecementos foron de persoas usuarias das residencias.
“O Goberno non pode seguir eludindo a súa responsabilidade e por iso o BNG levou ao Parlamento a creación dunha comisión de investigación para analizar o que pasou, corrixir erros e avanzar cara un novo modelo que permita garantir o dereito a unha vellez digna”, explicou Pontón a súa chegada a Vilar de Barrio, en Ourense, antes do encontro con responsables municipais dos concellos afectados polos recentes incendios no sur desta provincia.
“O PP vetou esa comisión e o que pedimos é que ese veto non se estenda tamén ás medidas que urxe adoptar e os datos de contaxios masivos evidencian que están fallando os protocolos”, alegou, tras salientar que dada a situación o Bloque propón “que se interveñan todas as residencias de maiores para poder anticiparse e garantir medios e recursos suficientes, para garantir que se cumpre os protocolos e evitar que as residencias volvan ser a zona cero dos contaxios e dos falecementos. Trátase da vida das persoas maiores, por favor, pedímoslle ao goberno que se anticipe e que non comenta os mesmo erros”, reclamou.
“Temos a experiencia do que pasou na primeira onda da COVID19 e a responsabilidade do Executivo era tomar notas do erros, acabar coa improvisación e blindar as residencias porque estamos falando da vida dos nosos maiores que necesitan sentirse acompañadas e protexidas polas institucións”, afondou.
Pontón tamén expresou a súa preocupación pola situación dos rastrexadores tendo en conta que Galiza está á cola a localización dos focos de contaxio ao que se suma a falta de transparencia nos datos.
“Como é posible que agora o Goberno recorra ao exército despois de asegurar que hai 6.000 rastrexadores? Pedímoslle a Feixóo que abandono a improvisación e os bandazos e que se poñan a fronte asumindo as súas responsabilidades e, sobre todo, que deixen atrás as mentiras porque se había 6.000 rastrexadores por que ten que vir o exército a facer ese labor a Galiza”, interpelou, tras considerar que se trata doutra mostra da “improvisación e dos bandazos” que está a caracterizar a xestión do presidente da Xunta nesta crise.