Ana Pontón insta á cidadanía a mobilizarse a favor da sanidade pública este 12 de febreiro en Santiago de Compostela
A portavoz nacional, Ana Pontón, insta aos galegos e galegas a participar na mobilización pública a favor da sanidade pública e contra os recortes do PP convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro domingo 12 de febreiro en Santiago de Compostela.
“No medio desta crise de prezos, no medio dunha situación na que as familias están afogadas, nas que moitas empresas están con dificultades, temos un goberno galego paralizado na rutina, sen iniciativas e incapaz de axudar ás persoas que máis o necesitan”, denunciou a líder do BNG. Pontón apelou á cidadanía a saír á rúa para “seguir defendendo a sanidade pública e seguir defendendo uns profesionais que non poden máis, que están sufrindo a precariedade e o maltrato da actual Xunta de Galiza”, declarou.
Fronte un PP que é “un perigo para a saúde dos galegos e galegas”, a portavoz nacional adiantou que cidadanía mobilizaráse para “defender o máis importante, a saúde da xente” e enxalzou un BNG que está en política “non para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar”. Neste sentido, declarou que “non podemos aceptar” a demolición que o Goberno do PP está a facer coa demolendo a sanidade pública do País.
“Temos unha cita importante o próximo 12 de febreiro, temos que estar todos e todas en Compostela, unidas, para dicirlle ao PP que coa saúde da xente non se xoga”, emprazou a líder do BNG, que adiantou que o Bloque non vai permitir “que se carguen o que nos fai a todos e todas iguais ante a enfermidade, a saúde”.