Ana Pontón: «É inaceptable o peche da central de Endesa nas Pontes mentres non haxa alternativas viables sobre a mesa»
A portavoz nacional, Ana Pontón, considera “inasumible” o anuncio de Endesa de pechar a central térmica de Endesa e advirte de que “non se pode aceptar o peche desta central mentres non haxa alternativas viables sobre a mesa”. Neste sentido, Pontón exixe á Xunta e ao Goberno central que “deixen de bailar ao son que está marcando esta gran multinacional e se poñan xa a traballar para que haxa alternativas viables”.
Nun acto celebrado na Coruña, Pontón asegurou que a noticia “é un xarro de auga fría non só para As Pontes senón para Galiza” e recalcou que “o que non pode Endesa é pretender espremer os recursos económicos que ten Galiza e, logo, dun día para outro, deixar tirada a toda unha comarca e ao país”. Ao seu xuízo, “isto é inaceptable” e subliñou que “nin a Xunta nin o Goberno central poden seguir bailando ao son que marca esta empresa”.
Segundo manifestou a súa portavoz nacional, para o BNG “o que estamos vivindo non é unha transición enerxética xusta, o que estamos vivindo é unha nova reconversión industrial no noso país que non podemos aceptar baixo ningunha circunstancia”. Neste sentido considerou evidente a necesidade de “enfrontar o proceso dunha transición enerxética”, pero insistiu en que no caso da central das Pontes estamos ante “unha reconversión, coa complicidade da Xunta e do Goberno central”. “É dicir -recalcou- do PP e do Partido Socialista”.
“Xa está ben de que Galiza sexa a pagadora de todos os procesos de cambio e de transformación”, afirmou, para a continuación concluír que “dende logo van ter ao BNG enfronte porque non podemos permitir este espolio do país”.