Ana Pontón: “Hai que cambiar a política migratoria europea para impedir que miles de persoas segan morrendo no mar”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avogou hoxe en Salvaterra de Miño por cambiar a política migratoria europea que non reacciona ante a violación de dereitos humanos e que miles de persoas morran no mar na busca dun lugar de acollida. Pontón lembrou que na maior parte dos casos de homes e mulleres que se ven obrigados a fuxir de Africa, fano para fuxir das guerras.
Na celebración da XXXIII edición da Festa da Poesía do Condado en Salvaterra de Miño, Pontón apelou a un cambio nas políticas regresivas da Unión europea por outras que permitan a acollida das persoas que foxen das guerras en Africa, conflitos bélicos, na súa maior parte, iniciados polas grandes potencias e intereses europeos.
A portavoz nacionalista avogou por mudar o odio por políticas de “respecto e solidariedade” ao que sumou un cambio do marco internacional para impedir que a xente continúe abandonando os seus países.
No Festival da Poesía do Condado, este ano centrado nos dereitos dos pobos, Pontón destacou que o debate sobre a migración debe ofrecer alternativas a todas as persoas que buscan un lugar “seguro” para vivir e que se ven abocadas a abandonar os seus países, por causas políticas ou económicas.
Deixar o teu país, recalcou a nacionalista, sempre é “un drama humano” e desgraciadamente “en Galiza coñecemos moi ben o que supón marchar a outros lugares co fin de mellorar as condicións de vida”. Os galegos e galegas que se viron obrigados a emigrar, por motivos políticos ou económicos, foron acollidos en diferentes países europeos e americanos e hoxe Europa debe demostrar esa mesma “solidariedade” coas persoas migrantes.