Ana Pontón: “con Goretti Sanmartín como alcaldesa da capital de Galiza comeza o cambio de ciclo que pide este País”

Toma posesión Goretti Sanmartín

“É moi especial para todas ver a unha muller recoller por primeira vez na historia o bastón de mando de Santiago de Compostela”, indicou

Amosouse convencida de que Sanmartín e o seu equipo de goberno traballarán coa igualdade, o feminismo e os retos de futuro en mente

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu ao acto institucional de toma de posesión da próxima alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.

A líder do Bloque cualificou este momento como “moi especial para todas as mulleres que vemos a outra muller coller por primeira vez na historia o bastón de mando da capital de Galiza” e amosouse convencida de que “Santiago de Compostela ten unha alcaldesa e un goberno preparado e coa capacidade de poder afrontar todos os retos de futuro da cidade”.

“Hoxe ábrese unha ventá de futuro para Santiago de Compostela que se vai escribir co feminismo e a igualdade sempre en mente”, declarou, engadindo que “aquí, na capital de Galiza estase vivindo o cambio que tamén quere este País”.

Pontón manifestou que “o BNG vai traballar para que a emoción que se sinte hoxe en Santiago de Compostela por ter unha alcaldesa sexa a emoción que poida sentir Galiza ao ter unha presidenta coas mans libres para defender os intereses do País”.

Indicando que “é algo que decidirá a cidadanía”, amosou o seu compromiso para “traballar con toda a humildade, paixón e impulso para que os galegos e as galegas poidan ter unha presidenta”. “O que está sucedendo hoxe é un símbolo da Galiza que vén”, concluíu.

 

____________