Galegas 2016

Ana Pontón: “Desde o goberno non daremos nin un só contrato á empresas que discriminen ás mulleres”

Encontro por un novo tempo feminista, Vigo
  • Compromete derogar a lexislación reaccionaria de Feijóo, permisos de paternidade obrigatorios, custe cero para autónomas na maternidade, revisar os horarios comerciais e dignificar o traballo non remunerado
  • Obxectivo prioritario: cero violencia de xénero e maior protección das vítimas con xulgados específicos
  • Proclama que o feminismo é un ben necesario para educar en igualade, o mellor antídoto contra “a ofensiva neomachista” que representa Baltar

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, avanzou como prioridade de goberno tras o 25S reverter os recortes aplicados polo PP en materia de recursos económicos e medios materiais destinados a promover a igualdade real que, dixo, “aínda está lonxe”.

Ante medio cento de mulleres nun acto en Vigo, enumerou as desigualdades cotiáns que soporta a metade da poboación: máis horas por menos salario, a obriga de asumir o rol de “coidadoras” a costa dos proxectos persoais e, sobre todo, a desigualdade que supón a lacra do terrorismo machista. Pontón foi moi crítica con quen, desde as institucións, usan o seu poder contra as mulleres.

“A desigualdade tamén está en eses caciques que, desde as institucións, seguen pensando que teñen dereito de pernada no noso país e seguen a fronte de institucións como o señor Baltar, que é unha vergoña para un país democrático e con igualdade”, denunciou responsabilizando a Feijóo. Contra o que cualificou de “ofensiva neomachista”, proclamou que o feminismo “continúa a ser un ben tan necesario para a igualdade coma sempre, e debe empapalo todo”.

Pontón comprometeu un goberno implicado coa igualdade a partir do 25S “empezando pola derogación de todas as normas reaccionarias que se aprobaron polo Goberno de Feijóo, converter a igualdade na clave de bóveda doutra maneira de gobernar e destinar recursos necesarios ás políticas de igualdade”.

A candidata foi rotunda ao asegurar que o BNG garante que o futuro goberno galego non dará un euro a políticas que discrimina as mulleres, con dous exemplos claros: no educativo e no laboral.

“Non imos adicar nin un só euro a políticas que discriminen as mulleres e, polo tanto, imos eliminar os concertos con eses colexios do Opus Dei que están segregando a nenos e nenas por sexo. E dicimos máis, non imos dar ningún contrato a ningunha empresa onde haxa discriminación coas mulleres, ni directas, nin indirectas, porque sabemos que no eido laboral hai moitas ocultas nas categorías salariais, na clasificación dos postos de traballo, e precísase que as administracións públicas utilicemos os mecanismos e os recursos que temos para non ser cómplices na desigualdade que viven día a día as mulleres”.

Feminicidio

“Desde a Xunta pódese traballar para conseguir máis traballo e de calidade para as mulleres, para conseguir a violencia cero contra as mulleres e poñer todos os mecanismos nos xulgados para que unha non se sinta desamparada cando denuncia, con xulgados específicos para que a vítima non estea agardando co agresor”.

Na loita contra o terrorismo machista, é chave elaborar o estatuto de vítima de feminicidio, crear xulgados específicos de violencia de xénero, unha política activa que facilite a inserción laboral das e maximizar todas as medidas de protección e amparo ás mulleres afectas por esta lacra.

Entre as propostas do BNG, dignificar o traballo non remunerado que fan as mulleres cuantificando a súa contribución á economía, custe cero das cotas da SS para as traballadoras autónomas durante a maternidade, ampliar os permisos de paternidade e facelo obrigatorios para que supoña unha medida efectiva de conciliación familiar, e revisar os horarios comerciais co mesmo obxectivo.

Ante activistas feministas e loitadores a favor da igualdade en todos os eidos, Pontón rememorou a súa avoa Áurea, “a muller que me mostrou, lonxe da mentira que se impoñía, como as mulleres traballábamos dobre. Os tempos mudaron porque moitas se rebelaron, pero seguimos loitando contra a desigualdade”.