Ana Pontón: “Un goberno liderado polo BNG non vai deixar caer ALCOA”
Pide unha mobilización masiva arredor do Bloque para trasladar a “ilusión” xerada en Lugo ao conxunto da provincia da man dunha candidatura “comprometida”
Rodil: “saímos a por todas nesta campaña para conseguir unha Galiza máis forte”
Emprego, sectores produtivos, servizos públicos de calidade e infraestruturas, principais medidas do programa de goberno a favor da provincia
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu na presentación da candidatura en Lugo unha gran mobilización na vindeira cita electoral de todas as persoas que queren un cambio real para abrir un tempo novo en Galiza o 12X: “é urxente conseguir un cambio galego que permita facer avanzar e darlle un futuro á maioría social que quere vivir e traballar na súa terra, e se todas as persoas fartas de ver como co PP Galiza vai a menos nos mobilizamos, o cambio galego será imparable e Lugo terá un papel decisivo”.
A candidata á Presidencia cualificou de “excepcional” a próxima cita coas urnas como oportunidade para trasladar “a ilusión xerado polo BNG na cidade de Lugo ao conxunto da provincia”. Neste sentido, recalcou que, desde o goberno municipal, o Bloque demostrou que é posible outro modelo “a favor das persoas e de transformación positiva, ilusionamos Lugo, -subliñou en relación ao grupo municipal que lidera Rubén Arroxo-, e agora queremos ilusionar a toda a provincia”, recalcou Pontón.
E para conseguilo, en Lugo o BNG presenta “unha candidatura de luxo que encabeza Olalla Rodil, unha voz reivindicativa que fixo que todas as cuestións que preocupan a esta cidade e a esta provincia se escoitasen ben alto e ben claro no Parlamento”, á que se van sumar, -asegurou-, as de outros integrantes da lista como Daniel Castro, Carme Aira, Mario Outeiro nunha candidatura que combina renovación e experiencia, na que as mulleres teñen un papel protagonista e tamén a xente moza.
Pontón salientou o “compromiso” das persoas desta candidatura na defensa de Galiza e de Lugo: “aquí e agora esa defensa ten un nome propio: ALCOA-San Cibrao”, reiterando o seu compromiso de que un Goberno liderado polo BNG “non vai deixar caer ALCOA”. “Se PP e PSOE non teñen alternativa nin vontade política para salvar a factoría, o BNG si, e esa alternativa pasa pola nacionalización e por unha tarifa eléctrica galega”, recalcou.
Nacionalización a través dunha intervención pública, -“legal, posible e imprescindible”-, como se está a facer por parte de Alemaña e reiterou o seu convencemento de que se a factoría en vez de estar na Mariña de Lugo estiveran en Madrid “a solución xa estaría sobre a mesa”. “Non podemos permitir un novo agravio, só fai falta vontade política e amor por este país para salvar ALCOA e o BNG ten as dúas”, subliñou.
Ao lado da nacionalización, un prezo xusto da enerxía cunha tarifa eléctrica galega que acabe co espolio enerxético, para que a electricidade deixe de ser “un festín para que uns poucos se fagan de ouro” e pase a servir para darlle futuro a Galiza e manter miles de empregos. “Ás portas dunha crise sen precedentes, con miles de traballadores e traballadoras en ERTE ou na cola do paro, permitir que se perdan empregos polos custes enerxéticos cando somos ricos en electricidade é, simplemente, inmoral”, denunciou.
Para a provincia, Pontón presentou un programa de goberno que aposta por facer de Lugo un lugar mellor no que vivir e traballar, con benestar social. “Hai que reverter a senda da despoboación, da emigración, das 45.000 vivendas baleiras, do abandono do rural, da falta de servizos públicos en moitos lugares da provincia, dunhas infraestruturas do século pasado”, explicou, “porque queremos unha Galiza que á mesma velocidade no interior e na costa”. Formulou propostas concretas en tres eixos: emprego e sectores produtivos, servizos públicos e infraestruturas.
Rural, sector estratéxico
No plano económico e de creación de emprego: considerar o medio rural como un sector estratéxico desde o punto de vista económico, social e de preservación do territorio, favorecer unha relación comercial que permita rendas xustas para os produtores con contratos homologados fixando prezos mínimos. Igualmente, un rural do século XX que aposte pola I+D+i e pola transformación dos produtos agrogandeiros para xerar valor engadido e máis renda.
Tamén apoio ao comercio local, afondar no potencial turístico e reforzar o sector vitivinícola, serán tamén cuestións fundamentais para reactivar a economía da provincia.
Reverter recortes no social
No plano dos servizos sociais, o compromiso é reverter os recortes tanto na atención primaria, como na atención hospitalaria, e reforzar os hospitais comarcais “porque a atención sanitaria ten que estar o máis cerca posible das persoas”. Por último, activar a provincia pasa tamén por darlle unhas comunicacións do século XXI e acabar co “escándalo” do desmantelamento do servizo ferroviario ou que Lugo sexa a única cidade sen conexión por tren coa capital do país.
“Urxe dotar a esta provincia dun servizo de tren moderno con prezos e horarios competitivos e o transporte por tren é tan importante para a vertebración territorial que temos previsto poñer en marcha o GALTREN: un organismo público para a xestión do transporte ferroviario do país como xa teñen outros territorios”, concluíu Pontón.
Pola súa parte, Olalla Rodil, número un pola circunscrición de Lugo, amosouse orgullosa de encabezar unha candidatura de “trece persoas honestas, traballadoras e comprometidas co país, cunha importante presenza de xente nova” coa que, remarcou, “saímos a por todas nesta campaña”. Subliñou que apoiar ao BNG nas eleccións supón “optar por unha Galiza forte, con dereitos, máis xusta, máis equilibrada territorialmente, con mellores servizos públicos, orgullosa da súa lingua e da súa cultura e con capacidade para saír adiante" e contrapuxo "o proxecto político valente" do Bloque ao dun PP "que deixa unha Galiza minguante, subordinada a Madrid”.
A candidata, da Ribeira de Piquín, defendeu ese "proxecto político e o liderado de Ana Pontón" como alternativa para garantir o futuro da produción de aluminio na Mariña. “Temos a oportunidade de que Galiza conte a partir do 12 de xullo coa primeira muller nacionalista e feminista no goberno da Xunta de Galiza e ese é o reto que nos marcamos”, concluíu a que foi viceportavoz parlamentaria do BNG na última lexislatura.