Ana Pontón: "Un goberno do BNG na Xunta é garantía para desenvolver o medio rural"
Na súa visita a una explotación gandeira no concello de Mazaricos, a candidata do á Presidencia da Xunta, Ana Pontón afirmou que “Galiza precisa dun goberno do BNG que aposta polo medio rural e o seu desenvolvemento social e económico”.
Acompañada do cabeza de lista pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas, o alcalde de Mazaricos, Xoán Xosé Blanco e membros do BNG da comarca, Pontón asegurou que a “crise da Covid-19 puxo en evidencia que é máis necesario que nunca producir e mobilizar a enerxía do noso país para incrementar o medio rural e o seu desenvolvemento social e económico”. Neste ámbito, dixo, desde o BNG levamos un programa de goberno comprometido co medio rural que necesita “transformar o abandono dos últimos” con medidas como: “a mobilización de 100 mil Has de terras abandonadas para poñelas a producir en usos agrarios de agora ao ano 2030”. Ademais, o BNG, recalcou a candidata á presidencia da Xunta, “impulsará o Bantegal e iniciativas que impidan o abandono de terras” porque Galiza necesita superficie agraria útil para non seguir á cola dos países europeos.
Por outra parte, indicou en que os produtores e produtoras teñen que ingresar “rendas dignas” polo seu traballo así como que o goberno vixíe os prezos de mercado para evitar “os custes por debaixo da produción”. Galiza, engadiu, ten que contar nos próximos anos cun plan de desenvolvemento rural apostando “pola incorporación de xente nova ao sector agrario e facilitar o acceso das mulleres á titularidade das explotacións agrarias”.
Pontón recalcou que o BNG avoga por explotacións máis sostibles cunha menor pegada ecolóxica e cunha clara aposta “pola innovación no sector agrario”. A nacionalista criticou que o Partido popular aplicara unha política de “desmantelamento dos instrumentos de innovación” e comprometeuse a levar adiante medidas para a súa recuperación.
Rivas defende a produción nas terras abandonadas para crear riqueza
Pola súa parte, o candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas insistiu en que é necesario corrixir a dependencia dos insumos esóxenos, ( millo, cebada, solla...) cos que se fabrican os pensos concentrados para o vacún de leite ademais do porcino e avícola.
Para o candidato resulta imprescindible dotar as explotacións de base territorial pero tamén “afondar sobre nun modelo de produción agro-gandeira con tendencia ó extensivo e sostenibilidade”.
O candidato nacionalista aludiu á urxencia de recuperar a Mesa do Leite, “como mecanismo para fixar prezos mínimos que non prexudiquen aos produtores e produtoras” así como fomentar a transformación de produtos agro-gandeiros para aproveitar o valor engadido e todo isto será posible “cun goberno do BNG na Xunta” recalcou.