Ana Pontón: “O goberno da Xunta debe tomar todas as medidas políticas para frear a deslocalización de VESTAS”
BNG trasladou o seu total apoio aos traballadores e traballadoras de VESTAS na manifestación celebrada en Santiago na que participou unha ampla delegación encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, o deputado Nestor Rego, o deputado pola Mariña, Daniel Castro e os parlamentarios Xosé Luís Rivas e Carmela González.
“É unha fábrica que ten toda a viabilidade e detrás do ERE extintivo da empresa o que hai é unha deslocalización da produción, e por iso é urxente que o Goberno da Xunta se poña mans á obra para evitar que se poida perder ningún posto de traballo”, salientou a líder nacionalista.
“Non podemos permitir que continúe a sangría industrial na Mariña que significa tamén a sangría industrial en Galiza”, recalcou, tras asegurar que o Goberno da Xunta ten mecanismos na súa man para frear este tipo de procesos de peches por deslocalización nun sector en expansión.
A portavoz nacional aproveitou a manifestación para facer unha reflexión en relación ás consecuencias de non ter derrogado a contrarreforma laboral do PP, que facilita que hoxe o cadro de persoal desta factoría con sede en Viveiro teña sobre a mesa un expediente de extinción.