Ana Pontón: “Galiza non pode estar supeditada ás liortas do PP nin a que Feixóo cadre o sudoku das baronías para o seu relevo”
A portavoz nacional, Ana Pontón, critica que en plena crise de prezos Galiza siga cun goberno paralizado polas liortas de poder do PP, nunha guerra interna aberta para posicionarse en postos de saía para substituír a Feixóo na Presidencia galega.
“Díxenlle ao señor Feixóo na sesión de control que Galiza non podía ter un goberno paralizado polas liortas internas do PP, pola corrupción, nin pendente de que el deixase todo atado e ben atado para cadrar o sudoku das baronías do PP no seu relevo na Xunta”, salientou a líder nacionalista, “porque o que se precisa é un Executivo que poña solucións ós problemas que trae consigo a escalada de prezos, paras as familias, para a clase traballadora, autónomos e para as empresas”.
Neste sentido, reiterou, “as liortas do PP non poden poñerse por diante de Galiza” e por iso hai que desbloquear canto antes unha situación de parálise, porque o aínda presidente galego “está máis ocupado en cadrar o sudoku das baronías do PP que en darlle solucións os problemas do País”.
Para a portavoz do Bloque, a calma entre os populares era nada máis que aparencia, “porque en realidade as augas baixan moi revoltas”, indicou, “pero o PP non pode estar por riba de Galiza, nin Galiza pode estar paralizada pola guerra interna de poder do PP, nin porque Feixóo teña a pretensión de deixalo todo atado e ben atado” no seu relevo.
Pontón tamén destacou que o próximo presidente ou presidenta da Xunta non vai ser o resultado da elección dos e das galegas nas urnas, “senón o resultado do dedazo de Feixóo ou de como logre encaixar as baronías populares”.