Ana Pontón: “Galiza merece moito máis que un presidente escapista incapaz de dar a cara cando o país ten un problema”
Nacionalización e tarifa eléctrica, solución do BNG: “só fai falta vontade política e amor polo país, e temos as dúas”, proclamou a líder nacionalista
“A ausencia do Feixóo hoxe neste Parlamento é o maior exercicio de escapismo político que teño visto nunca e demostra até que punto ao señor Feixóo este país e súa xente, lle importan un pito”, denunciou a líder nacionalista, “aos efectos letais, en termos sanitarios, económicos e sociais do coronavirus, hai que engadir a letalidade dun presidente ausente, escapista e irresponsable, incapaz de dar a cara cando o país ten un problema, salvo desde a comodidade da pantalla da TVG, utilizando a sede do Goberno galego para face campaña electoral”.
A portavoz nacional empezou a súa intervención chamando a atención precisamente sobre o absurdo de o pleno da Cámara tivese que abrirse para debater a ausencia do xefe do Executivo, que seguiu coa súa axenda como se o anuncio do despido de 534 postos de traballo en ALCOA, antesala do pecho, fose unha cuestión menor.
“Nunha semana non tivo tempo de ir A Mariña, nin de manter un encontro cos traballadores e traballadoras, nin cos alcaldes e alcaldesas dos concellos da comarca cuxa veciñanza, que non só ten que enfrontar a crise económica sen precedentes derivada do coronavirus, senón o peche dunha factoría clave que forma parte da súa historia”, argumentou.
Pontón puxo sobre a mesa a solución “real, factible e legal” do BNG para salvar a produción e os postos de traballo en ALCOA-San Cibrao: intervención pública da Xunta e do Estado para nacionalizar a factoría e unha tarifa eléctrica galega que acabe co espolio enerxético. “Con ambas medidas, podemos salvar a produción e os postos de traballo, so fai falta vontade política e amor por este País. O BNG ten as dúas cousas, Galiza merece moito máis que o cinismo político e o fakerelato do PP”, concluíu.