Ana Pontón: “Galiza deu a talla, pero o Goberno de Feixóo non”
A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o discurso de fin de ano do presidente da Xunta resume o que ten sido unha constante do Goberno do PP ao longo da pandemia: a deserción das súas funcións na xestión dunha crise sen precedentes en tempos de paz.
“Galiza deu a talla nesta crise, sen dúbida algunha, pero o Goberno de Feixóo non. Os galegos e as galegas estiveron á altura, dando o mellor de si, cun comportamento exemplar, reacionando desde a solidariedade e desde a coraxe ante esta crise. Pero enfronte só tiveron un Feixóo instalado na improvisación permanente, incapaz de anticiparse e dar solucións, incapaz de aprender dos erros, un presidente da Xunta que non toma nota das leccións que deixa a pandemia. Dúas moi claras: que hai que blindar a sanidade pública e que hai que poñer en marcha un novo modelo de coidados das persoas maiores que garanta unha vellez digna. Desde o BNG imos seguir traballando para que 2021 sente as bases da reactivación económica e social e sexa o ano no que se fortalezan os servizos públicos que se demostraron imprescindibles nesta crise”, valorou Pontón.
“Certamente, a crise da COVID requiría rapidez nas decisións, eficacia e precisión, e requiría tamén política con maiúsculas, desde o consenso, capaz de fraguar grandes acordos a favor deste país. Pero nada diso demostrou o Goberno de Feixóo. Ao contrario, mantivo a súa habitual soberbia, rexeitando a man tendida do BNG con propostas en positivo en defensa de Galiza e, mesmo neste contexto de pandemia, volveu poñer os intereses do seu partido por riba dos galegos e das galegas. O compromiso do Bloque é seguir coa defensa a ultranza deste país, aquí e ante o Goberno do Estado, nun momento no que Galiza necesita, máis que nunca, un trato xusto”, argumentou Pontón.
A líder nacionalista tamén lamentou a incapacidade do xefe do Executivo para evitar o agravio do Estado con Galiza. “Feixóo non foi capaz de defender os intereses dos galegos e das galegas nos orzamentos do Estado, e o último exemplo desa incapacidade política está no reparto dos fondos europeos para a reactivación económica e social, nos que de novo Galiza é discriminada polo Goberno do Estado”.
“O compromiso do BNG é seguir traballando, -día a día e sen escatimar esforzos-, para saír canto antes desta crise, apostando polos sectores produtivos, por unha economía verde baseada na ciencia e na investigación, para sacar adiante os sectores máis afectados pola COVID, para recuperar o emprego e por blindar os servizos públicos que salvan vidas. En definitiva, seguiremos poñendo o mellor de nós para construír unha Galiza con futuro, na que vivir e traballar”, recalcou. Pontón insistiu na necesidade de seguir extremando as precaucións, de seguir coidándose contra a COVID en beneficio de todos e todas e concluíu desexando o mellor para o 2021: “estou segura que os galegos e as galegas volveremos demostrar que somos un gran pobo e que Galiza é un gran país”.