Ana Pontón: “Os galegos e as galegas teñen dereito a coñecer a verdade do fiasco que liquidou o sistema de caixas de Galiza”
Recorda que foi Feixóo quen avalou e brindou por unha fusión que custou 9.000 millóns de euros ao erario público na maior estafa patrimonial ao país
Coñecer a verdade sobre o proceso que empezou coa fusión das caixas e terminou coa liquidación do sistema financeiro do país na maior estafa colectiva a Galiza cun coste de 9.000 millóns de euros. Para iso debe servir a comisión de investigación aprobada por unanimidade no Parlamento, que debe concluír os traballos iniciados por comisións precedentes que foron sistematicamente bloqueados pola maioría do PP.
“En termos democráticos é unha vergoña que dez anos despois da fusión das caixas, nove anos despois da nacionalización polo FROB e sete anos despois da súa venda a un banco venezolano teñamos que seguir traendo a debate a creación da comisión de investigación para saber a verdade”, alegou a portavoz nacional, Ana Pontón na súa intervención en Pleno, tras salientar que a cidadanía ten dereito a saber a verdade.
“Os galegos e as galegas teñen dereito a saber a vedade de porqué se arruinaron as nosas caixas, a verdade de porqué fracasou a fusión, a verdade de porqué blindaron aos directivos para cobrar unhas indemnizacións que a xustiza declarou ilegais, a verdade de porqué o Goberno de Raxoi fixo unha venta ruinosa na que perdemos máis de 9.000 M€ para que as nosas caixas acabasen nas mans dun empresario venezolano. Ninguén faría este negocio ruinoso co seu patrimonio, pero fíxose co patrimonio dos e das galegas”, salientou a líder nacionalista.
Pontón puxo énfase en lembrar quen estaba á fronte do Goberno galego avalando todo o proceso e para iso, desde a tribuna, amosou as fotos que inmortalizaron o brindis do actual presidente da Xunta cos daquela máximos directivos das caixas.
“Din que unha imaxe vale máis que mil palabras e nesta foto vemos ao exdirector xeneral del Caixa Galicia, José Luis Méndez; ao expresidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o expresidente de Caixa Galicia, Mauro Varela e o exdirector xeneral de Caixa Vigo, José Luis Pego. No medio Alberto Núñez Feixóo. E saben que estaban celebrando? Brindaban pola fusión das caixas en maio de 2010”, relatou Pontón, tras afear a ausencia do xefe do Executivo no debate e subliñando que esa foto bota por terra as “declaracións negacionistas” do presidente da Xunta nun “cutre exercicio de escapismo que é tamén unha mostra da súa debilidade”.
“Se Feixóo tivera a conciencia tranquila non eludiría as súas responsabilidades, nin tería obstaculizado a investigación parlamentaria, porque só quen ten algo que ocultar impide que se investigue”, recalcou. Neste sentido, Pontón demanda ao PP que esta vez permita corrixir a “vergoña democrática” de que non se esclarecese a verdade nin se determinasen responsabilidades políticas dez anos despois e reclama que non volva a cometer a “fraude” de dar luz verde a unha comisión de investigación para despois secuestrala.
Traballar sen vetos e sen límites
“Non volvan repetir algo tan perverso e maquiavélico como constituír a comisión de investigación para que non investigue. O PP ou quere investigar ou non, pero basta xa de fraudes ante a maior estafa colectiva en Galiza nos últimos anos”, reclamou, “agardemos que á terceira vaia á vencida e se permita que esta comisión traballe sen vetos e sen límites, por que os galegos e galegas temos dereito a saber que pasou”, insistiu.
Entre outras cuestións que merecen respostae por parte da comisión, determinar quen foron os responsables da perda das caixas, da perda do patrimonio cultural das entidades, do actual espolio do aforro galego, do nivel de concentración bancaria que dificulta o acceso ao crédito ao tecido produtivo do país ou permite comisións bancarias abusivas que o BNG vai seguir denunciando. “Estas son preguntas que se merecen respostas e non vetos e mentiras como leva facendo o PP durante dez anos”, sintetizou Pontón.
Pese ao tempo transcorrido, o Bloque considera necesaria a investigación para recoñecer e corrixir os erros, precisamente tamén polo momento de crise económica actual. “Na crise de 2008 salvouse á banca e deixouse tiradas a miles de persoas, agora os mesmos dan a impresión de querer repetir a xogada repartindo o fondo COVID19 de recuperación entres as multinacionais do IBEX 35 mentres a pequena e mediana empresa, autónomos e traballadores que están afogados pola crise ven como para eles non hai axudas”, advirte Pontón.
Decisións políticas PP-PSOE
“Nada do que pasou desde o estalido da crise financeira é neutro, hai ideoloxía nas decisións políticas que se adoptaron e impulsaron a concentración bancaria, a centralización do poder financeiro e o proceso de privatización das caixas. Só hai que ver as leis que se aprobaron por parte d PP e PSOE, que mesmo permitiron blindar a presenza dos exdirectivos nas caixas para pilotar o proceso de fusión que culminou en fiasco, non sen que antes se adxudicaran indemnizacións millonarias”, concluíu a líder do BNG
Tras o debate, o Parlamento aprobou a creación dunha comisión de investigación “para analizar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus exdirectivos, co obxecto de rematar os traballos realizados na IX e X Lexislatura que están pendentes de conclusión”.